A Cátedra da Universidade da Coruña CICAS polo Impulso á Ciencia Aberta a través do Software, organiza o mércores 26 e o xoves 27, na Facultade de Informática o evento Atlantic Tech Talks by Sngular. Trátase dunha colección de palestras relacionadas coa tecnoloxía e o mundo do desenvolvemento do software nas súas diferentes dimensións, impartidas por un conxunto diverso de profesionais de Sngular, que falarán de tecnoloxías, paradigmas e ferramentas chave no desenvolvemento de software de calidade.
Os temas que se tratarán irán desde o uso das tecnoloxías da aprendizaxe máquina (Machine Learning) aplicado á Internet das Cousas (IoT), oportunidades das novas tendencias en IA en termos de mellora e produtividade, o uso de ferramentas no día a día, ou novos roles emerxentes, como as technical writers.
As inscricións ao evento ponde facerse en liña.
A Cátedra CICAS polo Impulso á Ciencia Aberta a través do Software está dirixida pola profesora da Facultade de Informática Laura Castro. Esta cátedra, creada pola UDC e a firma tecnolóxica Corunet, ten o obxectivo de impulsar a ciencia aberta a través do software para tender pontes entre o persoal informático e científico, mellorar o software científico e contribuír á reproducibilidade da ciencia fomentando o acceso en aberto a ese software.
A Cátedra CICAS da UDC organiza o evento Atlantic Tech Talks na Facultade de Informática
Compartir Este Artigo

