A vindeira semana, o 5 de maio, o Coliseum da Coruña acollerá a gran final da 2ª Liga Maker Drone, que se levará acabo de 10:30 a 13:45 horas, promovida pola Fundación Barrié e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) co obxectivo de fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as novas xeracións.
Serán 180 estudantes de segundo de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) de 18 centros escolares de toda Galician os que participarán nesta xornada de exhibición, na que probarán os seus traballos pensados para superar o reto desta edición: limpar os océanos con axuda dun sistema dron. Cómpre dicir que os equipos tiveron 6 meses para deseñar e construír un mecanismo de recollida de residuos, que debe ir instalado sobre o dron que lles facilitou a organización.
A Liga Maker Drone é unha iniciativa pioneira en España, xa que se trata da primeira liga autonómica escolar de drons na que os participantes deben construír un sistema encamiñado á solución dun problema social.
En canto á finalidade deste proxecto, sinalar que persegue catro obxectivos principais: contribuír á orientación profesional dos estudantes cara ás carreiras STEM (das siglas en inglés Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) a través da presentación práctica de diferentes disciplinas e as súas aplicacións; difundir o coñecemento tecnolóxico de xeito amigable (tratando de superar a percepción de materia complexa que se ten dela); contribuír á educación científico-técnica da sociedade (con demostracións dos desenvolvementos realizados polo alumnado) e potenciar entre os novos valores como a autonomía, a creatividade, o enxeño e a capacidade de traballo en equipo.
Indo ao miolo desta segunda edición da Liga Maker Drone, sinalar que a organización facilitou a cada equipo un dron, así como orientación e formación específica en mecánica, electrónica, pilotaxe e oratoria nos seus respectivos centros. Con todo iso, os equipos tiveron que idear, deseñar, construír e programar un sistema que irá instalado sobre un dron co obxectivo de recoller o maior número de residuos mariños e depositalos no menor tempo posible nos seus correspondentes colectores (a distintas alturas) a bordo dun barco (simulado) de 30 metros de eslora e 10 metros de alto.
Así, o 5 de maio celebrarase a Xornada de Exhibición e Gran Final na que se porán a proba as solucións deseñadas por cada equipo e serán avaliadas por un xurado especializado, formado por entidades como: Airbus, Boeing, ENAIRE, Telespazio, UDC, Expodrónica e por Iván Merino, piloto profesional de carreiras de drons e campión de España.
Amais do equipo gañador, haberá catro premios especiais segundo as seguintes categorías: Mellor deseño, Solución máis disruptiva, Destreza en voo e Mellor presentación.
O equipo gañador da Liga Maker Drone obterá un trofeo e cada un dos seus integrantes recibirá un kit dron, mentres que os equipos gañadores das distintas categorías recibirán un kit de programación.
As catro provincias galegas estarán representadas polos 18 centros participantes: da provincia da Coruña participan 8 centros: CPR Liceo A Paz, da Coruña; EFAG Fonteboa, de Coristanco; CPR Montespiño, de Culleredo; IES de Ames, Santiago de Compostela; CPR Eirís, A Coruña; IES Eduardo Pondal, de Ponteceso; CPR @Ntro. Sra. do Carmen, de Betanzos; e CPR Santa María del Mar, da Coruña (gañador da primeira edición).
Os centros que participan da provincia de Lugo son 2: IES do Camiño, de Palas de Rei e IES Francisco Daviña Rei, de Monforte de Lemos.
De Ourense, participan o CPR Divina Pastora e CPR Santa María, Maristas.
E da provincia de Pontevedra participan 6 centros: IES San Tomé de Freixeiro, de Pontevedra; CPR As Acacias, de Vigo; IES Antón Losada Diéguez, da Estrada; IES de Mos; IES Carlos Casares, de Vigo e IES Escolas Proval, de Nigrán.

