CLUSAGA presentou este mércores 26 de abril en Santiago dous proxectos de I+D+i aplicada á dixitalización do sector lácteo galego e coordinados pola dita agrupación. Trátase de Milktelligence e Smart4Cheese, dúas iniciativas financiadas no marco do programa de apoio ás Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEIs) que promove o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo (MINCOTUR), e que involucraron a 11 empresas socias de CLUSAGA na súa execución.
Milktelligence, promovido por CLUSAGA, implicou ás empresas socias PS Vet Dairyquality, Innogando, Galacteum, Feiraco e Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, e abordou a necesidade do sector lácteo de mellorar a súa produtividade mediante o emprego dunha nova plataforma de xestión que integre os principais valores do sector primario e secundario de forma automatizada, para unha toma de decisións áxil.
Por outra banda, a iniciativa innovadora Smart4Cheese, coordinada pola agrupación industrial e implementado polas empresas socias Grupo Entrepinares, Queizuar, ASM Soft, Medrar Smart Solutions, ANFACO-CECOPESCA e Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), perseguiu o obxectivo de impulsar a sustentabilidade do sector lácteo de queixerías grazas á investigación industrial en tecnoloxías innovadoras dixitais baseadas en Intelixencia Artificial e fotónica avanzada.
Tanto Milktelligence como Smart4Cheese recibiron apoio do Fondo de Recuperación NextGenerationEU para a aceleración da transformación dixital, ademais do da convocatoria de apoio a AEIs do MINCOTUR. A preparación destas propostas contou con soporte da Oficina Técnica Next Generation Galicia Food, impulsada por CLUSAGA e apoiada pola Xunta de Galicia a través do IGAPE.
Nesta liña e xunto a estes dous proxectos, CLUSAGA tamén impulsa a candidatura galega ao PERTE agroalimentario para a mellora da competitividade do sector lácteo. O proxecto tractor Smartz4Milk, liderado pola empresa socia do clúster Grupo Leche Rio, conta cun orzamento de 25.9 M€ para acometer proxectos de I D i e investimentos en sustentabilidade que supoñan unha revolución para todo o sector lácteo español.
CLUSAGA presenta dous revolucionarios proxectos de transformación do sector lácteo galego
Compartir Este Artigo

