O espazo de coworking A Proa, no Milladoiro, organiza para o xoves 4 de maio unha charla sobre podcasting e marca persoal. Será ás 11:30 horas, nas instalacións deste centro de traballo colaborativo integrado na rede da Deputación da Coruña e emprazado no entrada do Polígono Novo Milladoiro. Estará impartido por María José Bermúdez. A entrada é de balde.
Segundo lembran dende a organización, o podcasting é unha canle de comunicación que serve de aliada para emprendedores, empresas e marcas persoais. Pódese empregar como ferramenta de marketing para impulsar negocios e aumentar ingresos. Por outra banda, o podcasting permite “falar ao oído” con clientes potenciais, ademais de comunicar os valores e puntos poderosos dunha empresa. Na charla explicarase como utilizar esta ferramenta para mellorar o negocio, desenvolver a súa propia voz e chegar ao cliente ideal, favorecendo a conexión emocional.
Ao remate, haberá tempo para resolver todas as dúbidas que xurdan, ademais de para compartir casos de éxito e consellos prácticos. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse premendo na ligazón específica habilitada.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinala que “o mes de maio arrinca cunha nova actividade do espazo A Proa, que organiza habitualmente obradoiros abertos para emprendedores. Desta volta ofrécennos unha conferencia sobre o podcasting, unha ferramenta en expansión que pode servir para impulsar un negocio. Animamos a todas as persoas interesadas nas novas tecnoloxías, a mercadotecnia e a comunicación a que acudan”.
A Proa é un espazo de traballo colaborativo que ten como obxectivo ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego. A instalación está pensada para que persoas autónomas e emprendedoras compartan espazos, fomentando a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade.
O local está localizado na entrada do parque empresarial do Milladoiro (rúa das Hedras, 2), e conta con 400 metros cadrados, tres salas de xuntas, aulas de formación e eventos, unha zona de recepción, outra de reprografía, de descanso, aseos e un vestíbulo. O espazo pertence á Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña.
A Proa (Ames) celebrará o 4 de maio, unha charla sobre podcasting e marca persoal
Compartir Este Artigo

