A Deputación de Pontevedra, a través do programa de capacitación tecnolóxica SmartPEME, achega esta primeira semana de maio catro novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros TIC para persoas autónomas, pequenas e medianas empresas e cidadanía en xeral. As accións centraranse en asuntos como a fabricación dixital, o debuxo 3D, solucións de comercio electrónico e tamén na mercadotecnia sustentable.
O martes 2 ás 11:00 horas celebrarase o obradoiro Introdución á fabricación dixital para dar a coñecer e familiarizarse coas tecnoloxías implicadas nun proceso de fabricación dixital, non só a nivel teórico, senón cun contacto real coa tecnoloxía. As persoas interesadas poderán experimentar con elas, co obxectivo de que sexan capaces de deseñar cadansúa peza en 3D e fabricalas no Depo Fab Lab situado no Centro Provincial de Economía Dixital (Viveiro de Empresas de Barro).
A Deputación de Pontevedra fai saber que con esta sesión iníciase un novo curso de fabricación dixital que constará dun total de 50 horas de formación mixta (presencial e telemática) e cun máximo de 14 prazas. As persoas que completen os requisitos recibirán un certificado de asistencia onde constarán as horas e o temario recibidos.
O mércores ás 12:00 horas, celebrarase o obradoiro Márketing sostible, no que as persoas asistentes aprenderán o concepto, boas prácticas e casos de éxito na materia. Segundo explica a Deputación a xeito de avance, as persoas consumidoras de hoxe senten que as cuestións éticas son cada vez máis importantes e apoian firmemente as empresas que incorporan valores na súa actividade, neste contexto o obradoiro analizará de preto a sustentabilidade no desenvolvemento dos negocios e na aplicación á mercadotecnia (marketing) para aprender como pode axudalas a ter éxito.
En horario de tarde, SmartPEME organiza Woocommerce: A solución que buscabas para vender por Internet. Trátase da segunda sesión desta acción, na que as persoas autónomas e emprendedoras aprenden a empregar este plugin de tenda en liña para WordPress. Inclúe a instalación, a explicación das características, pasarelas e formas de pago, a creación de catálogos e a xestión de pedidos.
Por último, o xoves ás 11:00 horas celebrarase unha sesión de Debuxo 3D con Onshape I – PartStudio I, unha das sesións enmarcadas no curso de fabricación dixital que se inicia o martes.
Para consultar máis información as persoas interesadas poden dirixirse ao sitio web de SmartPEME.
SmartPEME comeza maio con catro obradoiros sobre tecnoloxías creativas
Compartir Este Artigo

