Este sábado 6 de maio temos unha nova cita maker (argalleira) coas katas de Python da Industriosa, en Vigo, un evento informal e “aberto a calquera persoa que se anime a participar e compartir unha hora e media da linguaxe de programación Python, café e/ou té”. Inspirados nos katayunos, dojos e actividades semellantes, o formato das katas da Industriosa teñen un formato de grupos de entre dúas e tres persoas para resolver un reto de programación, compartir e mellorar as nosas habilidades de Python.
Durante 90 minutos intentaremos resolver o reto, desenvolvéndoo iterativamente e co obxectivo de aprender novos enfoques do problema”, explican dende a organización, engadindo que para abordar os desafíos botarase man de ferramentas como LeetCode ou Hackerrank.
As edicións das katas anteriores están xa subidas á Rede para ser consultadas por calquera persoa interesada en participar.
“O único que necesitamos é acudir co desexo de compartir e aprender. Non é esencial traer un portátil e tampouco e imprescindible instalar Python xa que traballaremos en recursos online”, engaden dende A Industriosa.
Como dixemos, a participación é gratuíta. Podemos obter máis información ou formalizar o rexistro a través de Meetup.
Trátase dun evento organizado por A Industriosa e coa colaboración de Python Vigo e patrocinado por Xunta de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA).
Para quen non o saiba, Python é unha linguaxe de programación amplamente utilizada nas aplicacións web, o desenvolvemento de software, a ciencia de datos e o Machine Learning (ML). Os desenvolvedores utilizan Python porque é eficiente e doado de aprender, ademais de que se pode executar en moitas plataformas diferentes.
Este sábado 6 de maio A Industriosa celebra en Vigo unha nova kata de Python
Compartir Este Artigo

