A USC (Servizo de Normalización Lingüística) e o Consello da Cultura Galega (Centro de Documentación Sociolingüística) comezaron maio achegándonos novos contidos e novos formatos para o portal Proxector, iniciativa web habilitada coa finalidade de aproximarnos á divulgación e ao coñecemento investigador, ao tempo que se dinamiza o uso do galego nestes ámbitos. As novidades son un convite a descubrirmos a riqueza xeolóxica de Galicia. Preséntase baixo o título Escolma para ver e escoitar tesouros xeolóxicos e é da autoría de Xacobo de Toro, profesor de bioloxía e xeoloxía.
O especial publícase ao abeiro da próxima declaración do xeoparque do Cabo Ortegal. A escolma, a conto desta declaración, recolle vistas aéreas dos nosos cantís, explicacións técnicas sobre a estrutura e as dinámicas internas da Terra, e outros audiovisuais que nos axudan a entender a riqueza xeolóxica de Galicia, “tan antiga coma fascinante”, en palabras do CCG e a USC.
Proxector é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.
A iniciativa orixinal foi deseñada polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.
Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.
A riqueza xeolóxica de Galicia centra un novo especial do portal Proxector
Compartir Este Artigo

