Será mañá, mércores, 10 de maio, cando dea comezo a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) desde o ano 2006, estamos a falar de Galiciencia, que chega á súa 18ª edición na procura de achegar a ciencia á sociedade, en particular aos estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato.
Engadir que esta feira xorde en colaboración coa Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía-Ministerio de Ciencia e Innovación (FECYT).
Esta 18ª edición de Galiciencia, que se estenderá ata o venres 12 de maio, desenvólvese baixo a temática Aeronáutica e Aeroespacial, aproveitando que o Parque conta coa Aula Newton Galicia, centrada nestes intres en introducir aos máis novos no mundo da aviación. De xeito presencial van participar un total de 243 rapaces e rapazas de 34 centros educativos diferentes. Por provincias, de
Ourense hai 15 centros, de Pontevedra 9, da Coruña 6 e de Lugo 3; de fóra de Galicia, hai un centro de Cádiz. Asistirán á feira con visitas organizadas unhas 1845 persoas, tanto docentes como alumnado, de 41 centros de toda Galicia. Tamén se pode participar en liña.
En canto a proxectos, desta volta preséntanse 119, o que supón unha cifra récord de participación. Finalmente seleccionáronse 106 propostas, procedentes de centros educativos de toda a comunidade galega -con moita presenza do rural-, ademais de Andalucía. De maneira presencial concorren 51 proxectos de Secundaria, Bacharelato e FP -que serán os que compitan polo premio final- e 30 de Primaria. En liña participan 19 proxectos de Secundaria, Bacharelato e FP e 6 de Primaria. As diferentes actividades, tanto presenciais como na Rede, reunirán este ano a máis de 4.800 participantes.
Durante estes tres días os equipos seleccionados para amosar os seus traballos científicos en Galiciencia exporanos nos postos da feira. Explicarán as súas propostas ao público visitante, amosándolles os seus prototipos, experimentos e resultados. O primeiro premio está dotado con 1.000 euros para financiar a participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra en Barcelona. O segundo equipo clasificado recibirá 500€, o que lles permitirá asistir a Zientzia Azoka, a feira de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao. Pola súa parte, o equipo gañador do terceiro premio recibirá 200€ para a compra de material científico e/ou tecnolóxico para o seu centro escolar.
Asemade, premiarase a mellor comunicación e presentación oral, o proxecto máis innovador, o proxecto co método científico e proceso de investigación mellor definido, o mellor proxecto englobado dentro da temática da Aeronáutica e Aeroespacial, así como o proxecto liderado por unha nena e/ou relacionado con iniciativas que contribúan á igualdade de xénero no contorno da I+D+i (en liña co afán de Tecnópole de promoción do STEM feminino). Este ano haberá tamén un premio especial para a mellor proposta na categoría de FP. E galardoarase o proxecto coa mellor valoración popular, elixido entre todos os que participen de xeito online.
Lembrar que Galiciencia compleméntase con outras actividades: obradoiros científicos, espectáculos de ciencia, un programa de radio e concursos diversos. É o caso do concurso de fotografía a través de Instagram, encamiñado tanto ao alumnado como ao profesorado de Secundaria, Bacharelato e FP de toda España.
O xoves celebrarase a final do Desafío científico Atrévete coa Aeronáutica! Durante os últimos meses alumnado desde 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia participou nunha primeira fase en liña que constaba de tres retos. Os finalistas enfrontaranse agora nesta derradeira fase, que será presencial.
Mañá inaugúrase a 18ª edición de Galiciencia
Compartir Este Artigo

