Nos últimos anos a cidade da Coruña, pese a ser periférica, conseguiu colocarse no centro do sector TIC galego, consolidando a súa posición empresarial, investigadora e social, e non parece que a situación vaia mudar a longo prazo, xa que recentemente foron colocándose as primeiras pedras de varias iniciativas que prometen unha grande proxección no futuro, polo que quixemos conversar sobre o tema coa alcaldesa herculina, Inés Rey.
– A primeira liña telefónica de Galicia, a primeira facultade de Informática… Que ten de especial a cidade da Coruña para ser pioneira en tecnoloxía?
– A Coruña ten esa identidade de cidade pioneira a moitos niveis, non só no tecnolóxico. En primeiro lugar, pola súa situación xeográfica, aberta ao océano. Isto vai ligado á historia da cidade, cun marcado carácter cosmopolita e vangardista, receptora de influxos culturais tanto de América como do resto de Europa. Sempre me vén á cabeza o caso de Isabel Zendal, por exemplo, porque a Real Expedición da Vacina partiu do porto da Coruña. Tamén está o caso de José Sellier, pioneiro do cinema e autor da primeira película galega. E o caso da Casa das Ciencias, que no 1985 converteuse no primeiro museo público interactivo de España, e abriu camiño á rede de Museos Científicos Coruñeses.
No referente á Coruña máis actual, á Coruña tecnolóxica, hai outra realidade: na cidade hai grandes grupos empresariais que teñen aquí as súas raíces, e que, tras a súa expansión empresarial, están interconectadas con moitos outros países do mundo. Iso xerou unha necesidade en termos de comunicación e novas tecnoloxías que se soubo aproveitar, abrindo camiño ao polo TIC que hoxe vertebra a economía da cidade, e que tampouco existiría sen a decisión de que a universidade pública coruñesa apostara desde os seus inicios polas novas tecnoloxías aportando ao mercado laboral man de obra especializada que moi poucas cidades teñen.
– Tras bastante tempo explorando usos para a vella Fábrica de Armas, finalmente deuse luz verde á súa transformación na Cidade das TIC. Que suporá esta nova infraestrutura? Tardaremos moito en ver como se concreta nunha realidade palpable?
– Seguimos traballando en base á folla de ruta establecida. En maio de 2022 deron comezo as obras na antiga Fábrica de Armas e imos dando pasos consecutivos neste sentido. Non hai moito, no pleno ordinario de marzo aprobouse, de forma definitiva, o estudo de detalle da Cidade das TIC promovido pola Universidade da Coruña, que ten como principal finalidade continuar avanzando nun dos proxectos de maior interese para a cidade en termos de crecemento económico e emprego.
– Precisamente na Cidade das TIC está proxectada a construción dun enorme estudio audiovisual virtual que promete ser un bo exemplo das sinerxías que poden xurdir entre as TIC e o audiovisual. Falta moito para que A Coruña xa non sexa só un grande plató de numerosas producións e haxa compañías que se acheguen á cidade para poder narrar historias que poderían estar ambientadas en calquera contorno imaxinable? Hai previsión das consecuencias que terá para o audiovisual local?
– Esas sinerxías coas TIC serán unha boa oportunidade para que o sector audiovisual coruñés amose todo o talento que garda, que é moito. Na cidade temos a sorte de contar cun Grao en Comunicación Audiovisual e coa Escola de Imaxe e Son, canteira de magníficos profesionais. Ademais, A Coruña tamén acolle a sede da Academia Galega do Audiovisual e tamén estamos a ver que hai selos galegos, como Vaca Films, que apostan pola cidade como escenario das súas producións.
O plató inmersivo da Cidade das TIC abriralles a todos eles novas oportunidades, porque o estudio tamén exercerá de imán para atraer ou crear empresas que podan explotar as súas virtudes. Tal e como se detallou na presentación do proxecto, o abano de opcións que ofrecerá será amplo, indo da ficción á realidade virtual e aumentada. E iso abre moitos horizontes de traballo no sector do cinema e os videoxogos, un detalle importante porque o que queremos é que os nosos profesionais mellor formados se queden a traballar aquí. Queremos que se sintan valorados.
– Xa queda menos para que a AESIA inicie as súas actividades na Coruña, froito do grande esforzo do sector TIC galego para dar a coñecer o noso potencial no eido da intelixencia artificial. Prevén unha grande proxección da cidade grazas a esta entidade? Hai potencial para que A Coruña sexa un imán de actividades relativas á IA á marxe da regulación e a supervisón?
– A AESIA será fundamental no futuro da cidade, e non é unha frase ao aire. Tal e como presentamos na memoria, nunha primeira proxección se prevé a creación de 1.300 novos empregos. Pero ademais, España será o primeiro país da Unión Europea cunha Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (IA), antepoñéndose á entrada en vigor do futuro regulamento europeo da IA, que establece a necesidade de que os Estados membros conten cunha autoridade supervisora en esta materia. Iso implica que en A Coruña e, en consecuencia, en Galicia, imos un paso por diante. Xa estamos vendo avances: esta mesma semana asinouse un convenio entre a Universidade da Coruña e Minsait, filial de Indra, para crear un espazo de innovación conxunto e investigar no eido da IA, cunha perspectiva comercial sobre as problemáticas e necesidades das empresas en torno á Intelixencia Artificial. Isto xa ten unha relevancia clara, porque implica ás futuras xeracións na toma de coñecemento sobre o impacto da IA. Falo de xeracións como a da primeira promoción do Grao en Intelixencia Artificial da UDC, que comezou este curso e terá moito que dicir neste novo horizonte. Porque a Universidade da Coruña e, en concreto, o reitor, Julio Abalde, foron fundamentais para que a AESIA chegue á nosa cidade.
– Achegándonos ao nivel dos cidadáns, puidemos ver como houbo moitas iniciativas de dixitalización de servizos que pouco a pouco foron confluíndo nunha aplicación móbil de recente creación que mestura funcións de portelo único con información de utilidade para os coruñeses. Como está a ser a aceptación deste tipo de ferramentas?
– Moi boa. Presentouse a finais de marzo e, ata o momento, contabilízanse 6.500 descargas. Ideouse pensando desde a perspectiva da cidadanía, desde as súas necesidades diarias. Por exemplo, dispón dun visor do estado do tráfico en tempo real, as incidencias e cortes por días, mapas cos servizos esenciais da cidade, a dispoñibilidade nas estacións de BiciCoruña ou a axenda cultural. Tamén é posible consultar datos persoais de cada persoa como os impostos, recibos ou préstamos bibliotecarios. Ademais, a aplicación está deseñada para que os contidos se podan personalizar en función das preferencias de cada persoa usuaria. Mais non é a única aplicación que puxemos en marcha. Hoxe 25.000 persoas pagan o bus urbano co móbil, algo que tamén e un servizo aos cidadáns.
– Os concellos están a evolucionar para converterse no que algúns definen como Smart Cities. Cara onde tería que avanzar A Coruña para unha maior modernización e ser así pioneira como cidade intelixente? Na mobilidade urbana? Nuns servizos máis personalizados? Nunha participación cidadá máis directa?
– Todo iso vai unido, en certa forma. Entendemos a cidade como un elemento vivo, en cambio constante. Con isto refírome a que as necesidades que tiña A Coruña hai vinte anos non son as mesmas que ten na actualidade. E as ferramentas das que dispoñamos hai vinte anos tampouco eran as mesmas que as que temos agora. A tecnoloxía facilitou a creación de máis canles de comunicación coa cidadanía, complementarias á escoita das veciñas e veciños a pé de rúa. Iso é o que temos que aproveitar. O noso obxectivo é que, a medio prazo, a propia app dispoña dunha funcionalidade específica para que as coruñesas e coruñeses podan realizar suxestións sobre cuestións como, por exemplo, melloras nos espazos públicos da cidade.
