Co gallo do Día de Europa, que foi este 9 de maio, Europe Direct A Coruña (Deputación da Coruña) celebrou varios actos para difundir o coñecemento da Unión Europea entre a cidadanía da provincia, entre as actividades salientan un espectáculo de maxia (A Maxia de Europa), a entrega de premios do concurso de fotografía Cidadanía Europea en Galicia e de Embaixadorxs Destino Europa. Onte tamén abría o prazo de inscrición nas xornadas de intercambio xuvenil entre membros do ClubUE de Europe Direct A Coruña e Europe Direct Asturies, que terán lugar en xullo.
Asemade, Europe Direct A Coruña realiza tamén neste mes de maio dúas accións dixitais e en liña para contribuír á difusión e coñecemento da Unión Europea. Xa está dispoñible o Espazo Europa, unha innovadora experiencia 3D na que os usuarios poden explorar un moderno edificio hiperrealista, inspirado na arquitectura da Europa do futuro. Neste espazo 3D atopamos a unha persoa real, unha guía gravada en catro dimensións (4D), que dá a benvida ao visitante e presenta cada unha das salas expositivas. Este personaxe foi gravado nun plató virtual que permite a interacción das persoas con contornas que foron creadas de maneira dixital e en tres dimensións.
Espazo Europa é libremente transitable para os visitantes, que terán autonomía para desprazarse, explorar, facer zoom ou rotar a posición. Amais, é accesible desde todo tipo de dispositivos dixitais.
Pódese acceder dende a web da Deputación.
Outra das iniciativas que o centro presentará en maio é Europa a un paso; unha campaña de información que busca achegar ao público mozo algúns dos programas e iniciativas da Unión Europea como os programas de prácticas, o Erasmus, os voluntariados e moitos máis. Esta campaña, que estará activa nas vindeiras semanas, está composta por nove vídeos animados de curta duración que se difundirán a través das redes sociais. Estará dispoñible na canle de Youtube de Europe Direct A Coruña.
Cómpre informar que, coincidindo co Día de Europa, Europe Direct A Coruña abre a inscrición para o #EncuentroClubUE, as xornadas de intercambio xuvenil entre membros do ClubUE de Europe Direct A Coruña e do ClubUE de Europe Direct Asturies. #EncuentroClubUE celebrarase do 19 ao 21 de xullo no Pazo de Mariñán e permitirá o encontro de ata 20 persoas de entre 18 e 26 anos que compartirán espazos, formación e experiencias con outras mozas e mozos galegos e asturianos.
A Deputación da Coruña festexa o Día de Europa con recursos dixitais
Compartir Este Artigo

