A oitava edición do Programa para Startups de Abanca Innova, unha idea para empresas emerxentes con propostas innovadoras nos sectores de fintech, insurtech, regtech ou cibersecurity, vén de abrir o prazo de inscrición que rematará o 14 de xuño. O envío de candidaturas debe realizarse a través da web de Abanca Innova. Logo da recepción e análise das propostas, terá lugar un comité formado por persoas do negocio do banco, que serán as encargadas de seleccionar ás startups que participarán, no mes de setembro, no bootcamp da seguinte fase.
As firmas seleccionadas para o bootcamp participarán en keynotes e obradoiros con expertos do sector. Despois manterán catro reunións privadas coas áreas de Negocio, IT, Innovación e Investments do banco, e participarán en charlas informais con persoal de Abanca. De entre as startups participantes, elixiranse a aquelas que sexan máis afíns ao negocio do banco e daráselles a oportunidade dunha proba de concepto (PoC) coa entidade. Durante este proceso piloto, Abanca asignará a cada startup un mentor corporativo para o seu negocio, cuxa misión será atopar as sinerxías da startup coa compañía.
Abanca Innova achegará a posibilidade de recibir investimento directo en capital para poder participar en diferentes Startups Days da entidade e asistir aos principais eventos de investimento do ecosistema nacional de emprendemento.
Ao longo do programa, as startups terán tamén acceso a distintos servizos: uso de Amazon Web Services, Google Cloud ou ferramentas de mercadotecnia dixital, comunicación e recursos humanos. Tamén terán á súa disposición o centro de innovación de Abanca Innova na Coruña, un espazo de coworking onde poderán convivir cos profesionais de Abanca e o seu ecosistema de emprendemento. O programa conta coa participación de HubIn, empresa especializada en innovación e emprendemento.
Engadir que coincidindo con esta nova edición, chega ao seu fin a edición anterior (6ª) do Programa para Startups de Abanca Innova. Flanks, Wetalk AI, Mychoice2pay, Rentall Partners e Colibid, os cinco finalistas, culminaron con éxito as súas probas de concepto e xa se atopan traballando no escalado das súas propostas de valor en Abanca. Asemade, a sétima edición do programa inicia estes días a súa fase final coas novas firmas innovadoras Probely e Fleksy, que estarán implementando as súas tecnoloxías na proba de concepto.
O Programa para Startups de Abanca Innova abre o prazo de inscrición
Compartir Este Artigo

