O programa Navega con Rumbo xa está en marcha. Celebraranse 240 xornadas en 240 centros educativos galegos no marco desta iniciativa impulsada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Consellería de Cultura e Educación “para guiar á mocidade nas súas sesións en Internet, asegurando que sexan útiles e responsables, ao tempo que se facilitan ferramentas aos docentes para un uso didáctico na aula”. A deste curso é a undécima edición deste programa, que leva vixente en Galicia desde o curso 2010-11, e que está incluído entre as accións da Estratexia de Educación Dixital 2030.
Por provincias, participan 76 centros coruñeses, 39 lucenses, 34 da provincia de Ourense e 91 da de Pontevedra. Especialistas do CPEIG levarán a cabo xornadas divulgativas dunha hora de duración nos centros de ensinanza. Nestas xornadas abordaranse temas de interese como as condutas de acoso e ciberacoso e outros riscos derivados do mal uso das redes sociais.
Ademais, a través dunha guía de boas prácticas, tamén se fai partícipe das recomendacións aos profesores e familias na medida en que se poidan converter en transmisores de boas prácticas de cara á mocidade. Toda esta información está recollida nunha nova web do programa Navega con Rumbo. Tamén podemos consultar a longa listaxe de actividades e lugares na web do CPEIG.
Navega con Rumbo promoverá o uso responsable da Rede entre a mocidade con 240 xornadas divulgativas
Compartir Este Artigo

