O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizou este venres 12 de maio un obradoiro de robótica para os nenos ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) en colaboración coa Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG), con motivo do Día do Neno Hospitalizado que se celebra mañá sábado.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, asistiu á inauguración do obradoiro na Aula Hospitalaria do CHUS, acompañado por Alba Tuñas, unha representante de ASANOG, entidade que preside Merce Fernández Baleato.
O obradoiro, dirixido a nenas e nenos de 6 a 14 anos, foi impartido por Pablo Novoa e Gálata Martínez da empresa Captioma Galicia. O taller centrouse en experimentos con robótica educativa, baseados en detección e visión artificial. Decenas de robots autónomos, adestrados polos participantes, percorreron o CHUS seguindo percorridos por cores, obstáculos e algunhas sorpresas que apareceron polo camiño.
O CPEIG leva a robótica aos nenos e adolescentes ingresados no CHUS
Compartir Este Artigo

