O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) súmase un ano máis ao Día Mundial das Telecomunicacións e Sociedade da Información, coñecido como Día de Internet, efeméride declarada pola ONU en 2006 que se celebra o 17 de maio co obxecto de “dar a coñecer as posibilidades das novas tecnoloxías para a mellora do nivel de vida da sociedade e promover o seu bo uso”.
Nun plano máis concreto o CPEIG súmase ao Consejo General de Colegios Oficiales Profesionales de Ingenieros / Ingenieras en Informática (CCII), unha das máis de 60 organizacións asinantes do manifesto Cidadanía dixital: Dereitos e oportunidades do Día de Internet 2023 (#DíadeInternet2023, #diadeinternet #ddi2023 #ManifiestoCiudadaníaDigital), un texto que foi presentado polo Comité de Impulso do Día de Internet, do que forma parte o CCII, no encontro anual de Editores, organizado polo Club Abierto de Editores (CLABE).
O presidente do CPEIG e presidente do CCII, Fernando Suárez, sinala que este manifesto é unha ferramenta que pode axudar a impulsar a cidadanía dixital para non deixar atrás a ningún colectivo. “A finalidade é conseguir apoios para lograr unha cidadanía dixital plena e respectuosa cos dereitos de todos e todas, e situar así ás persoas no centro dun mundo cada vez máis dixitalizado”, comenta.
Segundo a define a UNESCO, Cidadanía Dixital é “o conxunto de habilidades que permite aos cidadáns acceder, recuperar, comprender, avaliar e utilizar, crear e compartir información e medios en todos os formatos, utilizando diferentes ferramentas tecnolóxicas, de maneira crítica, ética e creativa”.
O manifesto, que se pode descargar a través da web do Día da Internet, inclúe un decálogo con 10 medidas para facilitar o acceso e o uso das tecnoloxías dixitais e para o seu apoderamento na sociedade da información, coa finalidade de garantir a plena inclusión de todas as persoas nesta nova sociedade dixital.
A maiores, o CPEIG ofrece unha serie de recomendacións con motivo do Día de Internet sobre o chamado ecommerce ou comercio electrónico, un sistema de compravenda de produtos e servizos que está cada vez máis de moda e suma adeptos día tras día.
Fernando Suárez, explica que cada vez mércase máis e máis de forma online, o que provoca o aumento das transaccións por Internet. Asegura que mercar en tendas online é segura, pero sempre seguindo unha serie de pautas de seguridade, e por suposto aplicar o “sentido común, fuxir das gangas e usar webs de confianza”. En concreto, Fernando Suárez indica que as claves que mostran ao usuario que unha web é segura para mercar son que a dirección comece por HTTS e mostre un cadeado na barra de direccións, “sinais que garanten que os datos persoais ou bancarios que se transmiten está cifrados e polo tanto a información é segura”. Porén, engade, o comprador debe ter en conta outros aspectos técnicos para o momento de adquirir en liña produtos ou servizos. O CPEIG asegura que é preciso ter sempre os dispositivos electrónicos “a punto” (computadores, móbiles, tabletas), con aintivirus instalados e actualizados para descartar virus capaces de recompilar información persoal ou bancaria do dispositivo. “Tamén é recomendable usar unha conexión segura a Internet, evitando redes Wi-Fi públicas que non ofrecen ningunha garantía de seguridade”, engade o CPEIG.
Unha vez que se atopa o produto desexado, o colexio destaca que o consumidor “debe revisar a fondo a información desa tenda en liña: quen somos, domicilio fiscal, investigar que datos recollen dos usuarios e con que fin, formas de pago e política de envío e devolucións”. Tamén é aconsellable indagar sobre a tenda online en buscadores, redes sociais e foros e revisar as opinións doutros usuarios.
Xa con todo preparado para a compra, o CPEIG recomenda “usar ferramentas de pago fiables, como PayPal ou tarxetas de prepago, en vez de dar o número da tarxeta de crédito directamente, aínda que tamén se considera unha práctica segura sempre que a páxina sexa de confianza, ben sexan páxinas de cadeas multinacionais ou do comercio local”.
O CPEIG apoia o primeiro manifesto para impulsar a cidadanía dixital
Compartir Este Artigo

