O grupo de Meetup de WordPress da Coruña anunciou un evento especializado que se centrará en optimizar as campañas de publicidade online. A sesión divulgativa e formativa, titulada Aprende a facer rendibles as túas campañas de Google Ads, será impartida polo experto en medios de pago, Pablo Amado.
O obxectivo do evento é “adestrar aos asistentes para maximizar o rendemento de cada euro investido en publicidade dixital, co fin de obter o máximo retorno do investimento”.
Amado é coñecido pola súa habilidade para deseñar, executar e optimizar estratexias de PPC (Pago Por Click), e polas súas ideas de mellora tanto para os materiais gráficos vinculados ás campañas como para as propias landing page.
“Este evento”, sinalan dende a organización, “é especialmente relevante nun momento en que as empresas están a buscar formas de atraer visitantes e posibles clientes ás súas páxinas web, á vez que buscan evitar investimentos innecesarios en publicidade en liña”.
A cita será este xoves 18 de maio de 2023 ás 19.30 horas en WekCo (Novo Mesoiro, nº2, Baixo, A Coruña). Trala presentación de Amado, levarase a cabo unha sesión de networking con petiscos para seguir a charla entre os asistentes.
“O obradoiro”, engaden dende o grupo de WordPress, “promete ser unha oportunidade única para aqueles que buscan optimizar os seus esforzos de publicidade online e sacar o máximo proveito dos seus investimentos en Google Ads”.
Para máis información ou para inscribirse no evento de forma gratuíta, cómpre visitar o Meetup de WordPress Coruña.
O grupo de WordPress da Coruña móstranos este xoves como facer rendible Google Ads
Compartir Este Artigo

