Un total de 31 alumnos de FP de grao superior de seis centros galegos están a recibir formación por parte da plataforma de streaming Netflix ao abeiro do acordo establecido entre a empresa audiovisual, a Xunta, a produtora galega Vaca Films e a fundación FAD Juventud. A iniciativa Formando equipo: traballa no audiovisual, en cuxo deseño tamén participou a produtora Zeta Studios, busca desenvolver novos talentos técnicos enfocados ao ámbito audiovisual nas familias profesionais de Electricidade e electrónica e de Administración e xestión.
A formación, cunha duración total de 38 horas, desenvólvese no CIFP Politécnico de Santiago desde finais do mes de abril e estenderase ata o 3 de xuño. Participan nela 16 alumnos de ciclos da familia de Administración e xestión, en concreto seis do instituto IES Fernando Wirtz Suárez (A Coruña), dous do Muralla Romana (Lugo) e oito do CIFP Portovello (Ourense).
No caso do alumnado dos ciclos da familia de Electricidade e electrónica son un total de 15, cinco deles procedentes do Instituto IES Urbano Lugrís (A Coruña), oito do CIFP Politécnico de Santiago e dous do IES Politécnico de Vigo.
A orixe
O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, reuniuse o pasado mes de outubro con Emma Lustres, de Vaca Films, e con representantes de Netflix para analizar a proposta. En palabras do titular do departamento educativo do Goberno galego, “para a Xunta é moi importante contar con compañías punteiras para formar os mellores profesionais e seguir así ampliando o gran momento do audiovisual galego, garantindo que as rodaxes que acollemos conten con técnicos cualificados”.
Formación e valores
O programa Formando equipo: traballa no audiovisual consta de 38 horas de formación teórica e práctica que procuran dar a coñecer as oportunidades profesionais no sector audiovisual para familias de FP cuxas saídas profesionais non están orixinalmente vencelladas a este sector.
Nestas actividades as persoas participantes aprenden a desenvolver habilidades persoais específicas neste ámbito, como a creatividade, a resolución de problemas ou o traballo colaborativo. Así mesmo, afondan na realidade do sector con visitas ás rodaxes, sesións con especialistas técnicos e charlas con profesionais de producións de Netflix, que lles dan a coñecer a súa propia experiencia. O proceso de formación completarase cunha estancia de prácticas formativas en Vaca Films para algúns dos estudantes participantes.
31 alumnos de seis centros de FP galegos participan nunha formación audiovisual de Netflix e Fad Juventud
Compartir Este Artigo

