A Consellería de Cultura e Educación convocou a sexta edición do Premio á Innovación Bibliotecaria, cuxo obxectivo é distinguir os mellores proxectos levados a cabo nas bibliotecas municipais. Valorarase o seu traballo á hora de crear lectores e mantelos no tempo (fidelizalos), así como por “impulsar accións orixinais que contribúan a reforzar as competencias lectoras e dixitais da cidadanía”.
O galardón vai dirixido aos concellos que sexan titulares de bibliotecas ou de axencias de lectura pública integradas na Rede Pública de Bibliotecas de Galicia. Todos eles poderán concorrer cun máximo de dous proxectos ou boas prácticas xa executados e relacionados co fomento da lectura, a aprendizaxe ao longo da vida e a adquisición de competencias dixitais, a posta en funcionamento de novos servizos ou a redefinición dos existentes e a difusión da biblioteca e dos seus servizos.
Establécense dúas categorías, unha para municipios de ata 10.000 habitantes e outra para concellos cunha poboación superior e poden concorrer tanto de xeito individual como agrupado. A participación cidadá, cohesión social e atención á diversidade, a igualdade entre mulleres e homes e a loita contra a violencia de xénero, e, en xeral, a contribución aos obxectivos da Axenda 2030 anteriores son outros dos eidos nos que se poden enmarcar as candidaturas. Os proxectos ou boas prácticas presentados “deberán orientarse a buscar resultados positivos e ser axeitados ao contexto local, ademais de innovadores e sustentables no tempo”, explícase nas bases.
Prazo ata o 15 de xuño
Na valoración das candidaturas, que poden presentarse ata o 15 de xuño, terase en conta “o carácter innovador ou orixinalidade, a implicación da comunidade no deseño ou desenvolvemento, a difusión e repercusión nos medios de comunicación e os beneficios e resultados obtidos, entre outros aspectos”.
O Premio á Innovación Bibliotecaria distinguirá novamente proxectos de lectura e dixitalización
Compartir Este Artigo

