O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai conceder, no marco da XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, o Premio Iniciativa Empresarial a Navantia, empresa pública española (Grupo SEPI) referente no deseño e construción de buques militares de alto contido tecnolóxico para a Armada española e outras Mariñas, ademais de buques civís. En concreto, entregará a Navantia o dito galardón polo seu proxecto Estaleiro 40 (Astillero 4.0), que representa un modélico traballo de dixitalización nun sector tan tradicional e referencial como é o naval en Galicia.
Segundo lembra o CPEIG, a empresa pública ten instalacións na ría de Ferrol, onde realiza construción naval, reparacións, apoio ao ciclo da vida, propulsión e xeración, ademais de elementos para enerxía eólica mariña, e tamén na baía de Cádiz e en Cartaxena. “A transformación dixital e a sostibilidade son os eixos de futuro de Navantia, unha compañía que na actualidade desenvolve tecnoloxía punta e ten un efecto tractor en toda a cadea de valor, innovando e creando emprego altamente cualificado e crecemento”, explica o CPEIG.
Pola súa banda, o director de Tecnoloxía e Transformación Dixital de Navantia, Donato Martínez Pérez de Rojas, sinala que “o reto para lograr a transformación dixital dunha empresa con máis de 400 anos de historia como é o caso de Navantia é involucrar a todos os empregados da compañía, conseguir que as persoas adopten o dixital e preparalas cara aos novos horizontes temporais que enmarcan a Navantia 5.0”.
A transformación de Navantia comezou coa mellora dos procesos e ferramentas de toda a cadea de valor e pola renovación dos seus centros de produción para incluílos plenamente no novo ecosistema dixital, o Astillero 4.0, un proxecto centrado na conversión das instalacións a “factorías intelixentes” seguindo cinco aspectos fundamentais: a creación dun ecosistema dixital e conectado e a incorporación do cliente a todo o proceso, situándoo no centro; e o desenvolvemento de innovación en produtos e servizos que lle permitan unha oferta integrada e completa grazas ás novas ferramentas dixitais. Búscase explotar os datos xerados en toda a cadea de produción e distribución, mediante o uso de tecnoloxías de análise da información a gran escala (Big Data). Nas plantas de produción estanse integrando novas tecnoloxías para lograr a excelencia operacional.
O proxecto Astillero 4.0 de Navantia identifica un total de 14 tecnoloxías clave ou KEYs (Key Enabling Technologies) para apoiar á cadea de valor. Estas tecnoloxías pasan por traballar máis na nube, comunicacións 5G que permitirán ter maior conectividade dentro das fábricas e estaleiros e Realidade Aumentada e Mixta para mellorar o acceso á información dos traballadores, así como robótica, que será clave na parte de fábrica e procesos, fabricación aditiva, RPA, cadea de bloques (blockchain), vehículos autónomos, drons…
Plataforma de Xestión da Seguridade Física, desenvolvida por Emetel
Navantia dispón dunha Plataforma de Xestión da Seguridade Física, desenvolvida pola consultora tecnolóxica coruñesa Emetel, unha contorna dixital que optimiza procesos de seguridade transformando os datos en intelixencia de maneira integral (por terra, mar e aire), integrada no proxecto Astillero 4.0 e baseada na innovación tecnolóxica e con resiliencia a fallos. “Trátase da única plataforma no mercado con módulo de intelixencia integrado no fluxo dos procesos de seguridade, para a detección de accidentes e a desaparición de obxectos, a revisión de cargas en camións e a detección de comportamentos de violencia ou pánico”, explica Donato Martínez.
Esta plataforma tamén dispón de innovación operativa para a simulación de escenarios reais ou creados, funcionando como unha ferramenta para verificar procesos de seguridade e adestrar aos operadores. Outra faceta da plataforma é ofrecer interoperabilidade con innovación no intercambio de datos.
En definitiva, esta plataforma xestiona máis de sete centros de traballo con máis de 35.000 usuarios, 1.500 cámaras de vixilancia, 300 puntos de control de acceso, 1.600 detectores de intrusión e 88 TB de almacenamento de datos.
O galardón entregarase na XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 16 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. Donato Martínez Pérez de Rojas recollerá a distinción no acto de entrega de premios.
Navantia recibirá o Premio Iniciativa Empresarial do CPEIG polo seu proxecto Estaleiro 4.0
Compartir Este Artigo

