A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) concedeu “por unanimidade” o Premio RAGC de Divulgación Científica 2023 ao centro de ensino público IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. A Academia recoñece así “o proxecto educativo do instituto no fomento da cultura científica e tecnolóxica”.
A entidade tamén salientou que “o Instituto Rosalía de Castro ten como obxectivo que o seu alumnado cultive a curiosidade e desenvolva habilidades para a indagación e a investigación. Deste xeito, senta as bases dunha cultura científica entre os estudantes da ESO, Bacharelato, STEAMbach, ciclos de FP e ESA, que lles permite acceder de xeito máis doado á investigación na universidade”.
A RAGC salienta que o dito ideal STEM faise explícito “nun programa científico notable” con actividades como o Premio Stephen Hawking, para alumnado de Bacharelato de centros galegos; o Premio IN: Innovación, Investigación e Invención, para estudantes da ESO; e a participación relevante na Semana da Ciencia ou no Rally Matemático sen Fronteiras.
A academia tamén destaca que no ano 2009 celebrouse no instituto o certame internacional Ciencia en Acción e que o alumnado do centro participa frecuentemente nas Olimpíadas Científicas, no Certame de Investigadores Novos ou no Día da Nena e a Muller na Ciencia.
“Unha premisa do centro é que a ciencia e a tecnoloxía son piares fundamentais do desenvolvemento da sociedade actual; ciencia e tecnoloxía son unha parte máis dunha formación que inclúe competencias lingüísticas, humanísticas, artísticas e solidarias. Así se recolle nos diferentes proxectos que se lles ofrece ao alumnado, que se familiariza coa ciencia desde os primeiros anos do instituto. Con este galardón, a Real Academia Galega de Ciencias quere tamén valorar o traballo nos centros de Secundaria á hora de captar vocacións e estender este recoñecemento a todos os institutos que inclúan este ideal no seu traballo diario”, manifestan desde a RAGC.

O xurado desta edición estivo composto polos académicos da RAGC Ángel Carracedo, que actuou como presidente; Minia Manteiga como secretaria; ademais de Antonio Ballester, Antonio Rigueiro e José Ramón Cancelo.
O IES Rosalía de Castro de Santiago recibe o Premio de Divulgación Científica 2023 da RAGC
Compartir Este Artigo

