A pasada fin de semana Twitter experimentou un terremoto ao anunciar Elon Musk que comezaría a remitir á páxina web de Twitter a través de x.com, tras o que amosou un logotipo para a marca que quere adoptar a compañía que logo proxectou sobre a fachada das súas oficinas, e asegurar que dirán «adeus á marca Twitter e progresivamente a todos os paxaros».
Para confirmar o compromiso coa nova marca, o propio Elon Musk puxo o novo logotipo como a súa fotografía de perfil, aínda que non se pode ignorar o feito de que a meirande parte dos usuarios que interactuaron nas últimas horas sobre o tema amosaron o seu rexeitamento a desbotar unha marca consolidada como Twitter para adoptar unha marca tan xenérica como X.
A directora xeral da compañía, Linda Yaccarino, pola súa banda asegurou que «Twitter mudou o xeito no que nos comunicamos. Agora, X irá máis aló, transformando a praza pública global», ao que engadiu que «X é o futuro dunha interactividade ilimitada (centrada no audio, o vídeo, a mensaxería, os pagamentos) creando un mercado global de ideas, bens, servizos e oportunidades», ou sexa, que Yaccarino asumiu como propias as intencións de Musk de converter Twitter no seu proxecto de aplicación multifuncional baixo a marca X.
Lembremos que X.com é un proxecto que Musk lanzou en 1999, que logo desembocaría en PayPal, e que agora recuperaríase para tentar converter Twitter no que en China é WeChat, aínda que non parece nada razoable que iso poida ser posible, simplemente pola complexidade que ten lanzar servizos financeiros en varios mercados á web.
En calquera caso, diluír a marca Twitter pode ser un dos meirandes erros en toda a cadea de desastrosas decisións que tomou Musk nos últimos meses, acelerando a perda de valor da compañía, e facendo moi difícil que outras persoas poidan tomar o control do proxecto no futuro en caso de que Musk quixese desvincularse do mesmo.
ACTUALIZACIÓN: O cambio de
Twitter en X segue a dar que falar, unha mostra máis de que estamos ante unha
arroutada de Elon Musk foi que, tras verse nas rúas de San Francisco a un
operario subido a un guindastre arrincando as letras de Twitter do rótulo da
fachada das oficinas da compañía, a Policía de San Francisco tivo que facer
acto de presenza, advertida de que era unha obra realizada sen permiso, aínda
que segundo
The San Francisco Standard o problema real foi que non se comunicara ao equipo
de seguridade e ao propietario do edificio. Non sería así un problema que
realmente precisase dunha intervención policial, pero dende a empresa de Elon
Musk tampouco podían proceder sen permiso do propietario do edificio no que
teñen as súas oficinas.

