Para evitar moitas das limitacións regulatorias DJI leva uns anos apostando forte polos drons de consumo cun peso inferior aos 250 gramos, de xeito que poden operarse sen licenza e voar en moitas condicións nas que un dron estándar non estaría permitido. A evolución destes pequenos drons está a ser moi rápida, de xeito que pasamos do que parecía un simple xoguete para introducirse no mundo dos drons ata o novo DJI Mini 4 Pro, que conta con funcións moi avanzadas, non tendo practicamente nada que envexar aos seus irmáns maiores.
Cun peso de menos de 249 gramos o DJI Mini 4 Pro pode empregarse en numerosos escenarios con grande seguridade, contando tamén cun sensor CMOS de 1/1.3 polgadas cunha nova plataforma de procesamento de imaxes e fusión de ISO dual nativo, de xeito que ofrece imaxes cunha calidade que poderiamos describir como cinematográfica. Ten unha apertura f/1.7, a resolución das imaxes capturadas é de 48 Mpíxeles e a nivel de vídeo tanto permite gravar en 4K con HDR a 60 imaxes por segundo como pode realizar cámaras lentas en 4K a 100 imaxes por segundo. De cara ás redes sociais tamén permite a gravación de vídeo en vertical sen perda de calidade.
O dron pode gravar vídeo en D-Log M de 10 bits, de xeito que rexistra as películas con un rango dinámico moi elevado e unha grande riqueza de cores, mentres que as fotografías tamén poden rexistrarse en RAW, ou sexa, que é un dispositivo orientado á captación de contidos para a súa posterior edición de calidade.
Unha das grandes vantaxes que ten o DJI Mini 4 Pro é que mellora a súa seguridade con detección de obstáculos omnidireccional, utilizando múltiples obxectivos grande angular e un par de sensores de visión inferior, de xeito que detecta obstáculos en todas as direccións, freando ou esquivando obstáculos de xeito automático cando é preciso.
Un detalle tamén a considerar deste novo dron de pequenas dimensións e lixeiro peso é que inclúe tecnoloxía de transmisión de vídeo O4 de DJI, o que permite ver o vídeo que rexistra o dron en Full HD a 60 imaxes por segundo a unha distancia de ata 20 quilómetros. Tamén conta cun sistema de regreso á orixe de xeito automático e a posibilidade de voar ata 45 minutos de empregar a batería de voo intelixente Plus.
Ao DJI Mini 4 Pro non lle faltan funcións intelixentes como MasterShots, QuickShots, Hyperlapse e Panorámica; pode transmitir os seus contidos rapidamente ao smartphone para facilitar que poidamos compartilos rapidamente en redes sociais; e ten un sistema de edición de vídeo LightCut que permite crear vídeos fascinantes cun único toque.
Este novo dron está xa dispoñible a un prezo que parte dos 799 euros, aínda que o máis recomendable é adquirilo nun lote que custa 1.129 euros e que inclúe un mando con pantalla, 3 baterías de voo intelixente, centro de carga e bolsa de transporte.
O DJI Mini 4 Pro sería moi semellante ao DJI Air 3 en prestacións (agás polo feito de que o Air 3 conta con dobre cámara), aínda que o novo trebello sería máis económico e lixeiro, polo que é de esperar que sexa un produto moi demandado para traballos profesionais nos vindeiros meses.
Vídeo de presentación do DJI Mini 4 Pro

