Ao longo da tarde de onte os sistemas informáticos do Servizo Galego de Saúde padeceron unha severa caída provocada por un complexo problema eléctrico, incidente que dende o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións de Galicia (COETTGA) aseguran que constata a necesidade da presenza dos enxeñeiros técnicos de telecomunicacións en todos os ámbitos das administracións públicas, e moi especialmente no sector sanitario, que debe evitar a toda costa problemas como os que vimos de padecer, e que afectan a cidadáns e profesionais sanitarios de xeito importante.
O COETTGA sostén que as infraestruturas deben estar deseñadas por enxeñeiros técnicos de telecomunicacións, que son os que ostentan as competencias e o coñecemento no dimensionamento enerxético e electrónico do sistema, moitas veces esquecido, e que é imprescindible, como vén de comprobarse empiricamente.
O organismo profesional, tras escoitar as explicacións dadas, considera que é preciso repensar o estrutura e o sistema de seguridade do SERGAS, pois consideran que o sistema sanitario non debería estar exposto baixo ningún concepto a un simple pico de tensión, dado que actualmente hai medios para evitalo, como filtros electrónicos e sistemas de alimentación ininterrompida.
Dende o COETTGA tamén apuntan o risco que supón manter todos os servidores nun único lugar e baixo o mesmo sistema de alimentación, considerando básico que existan sistemas espello nun mínimo de 3 localizacións diferentes, insistindo en que non é seguro ter elementos duplicados nun mesmo lugar, xa que ante un incidente quedarían todos igualmente expostos.
O COETTGA insiste na necesidade da figura o enxeñeiro técnico de telecomunicacións
Compartir Este Artigo

