Vilagarcía acollía este martes 21 de novembro pola mañá unha xeira técnica inserida no Ciclo de xornadas Constrúe o teu futuro na era dixital, da iniciativa dixital hubNET, liderada pola Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Neste encontro, encamiñado a emprendedores e pemes do sector do turismo, déronse a coñecer as últimas solucións tecnolóxicas que están a transformar a xestión neste ámbito e están a impulsar a innovación e o desenvolvemento de novos negocios neste sector en Galicia, á vez que melloran a experiencia do viaxeiro.
Na xornada, titulada Solucións tecnolóxicas para a mellora da xestión do turismo, impartida por Emilio Diez Rico (director de TI da consultora Dos Espacios), tamén compartiron os seus casos de éxito as startups Servizos Hoteleros 360 (SH360) e SuitesNature, que participan na aceleradora de proxectos turísticos da Xunta de Galicia, Turislab. Emilio Diez abordou as claves dos novos desenvolvementos dixitais que están a revolucionar as actividades ligadas ao turismo e á súa xestión, e que permiten avanzar cara a unha maior sustentabilidade da actividade e a optimización da experiencia do viaxeiro. Como exemplo de transformación e innovación que está a chegar da man da dixitalización, Emilio Diez aludiu ao ecosistema de empresas que forma parte de Turislab, a primeira aceleradora galega de proxectos turísticos impulsada pola Xunta de Galicia, que naceu co obxectivo de crear un ecosistema aberto e unha rede de recursos para proxectos innovadores especializados no turismo sustentable e de calidade. Entre estes proxectos, salientou os de Galicia Turistic, Servizos Hostaleiros 360 ou Suites Nature, que puideron coñecer de primeira man os asistentes a esta xornada. Entre os casos de éxito, Ramón Álvarez explicou a experiencia de Servizos Hoteleros 360 (SH360), unha consultora especializada en asesoramento e solucións para pequenas empresas hostaleiras. E seguindo coa xestión hostaleira, a solución tecnolóxica Guestin dá servizo a 70 establecementos de toda España, funcionando como unha recepción virtual que permite unha xestión totalmente a distancia do establecemento (check-in, acollida do cliente, control de acceso automáticos, información turística ao viaxeiro, pagos, tarefas de xestión, e mesmo a resposta automatizada a pequenas solicitudes habituais que pode ter o hóspede).
Pola súa banda, SuitesNature é unha firma que nace co obxectivo de promover un cambio no sector turístico orientado á sustentabilidade. Por iso, a solución que propón esta empresa, co soporte das novas tecnoloxías, pasa por “premiar ao viaxeiro cun novo método de pago, a tarifa sustentable, que substitúe ao pago por noite e bonifica ao viaxeiro sustentable”, segundo palabras do seu impulsor Jorge Martínez.
Engadir que o Ciclo de xornadas Constrúe o teu futuro na era dixital inclúe un total de 9 eventos, entre conferencias, seminarios e xornadas técnicas, que se celebran estes días en Vilagarcía de Arousa e Pontevedra e que están dirixidos a sectores estratéxicos en Galicia: forestal, transporte e loxística, turismo e comercio ou comercio retallista (comercio polo miúdo).
As xornadas hubNET poñen o foco na xestión do turismo
Compartir Este Artigo

