
Ademais, ao abeiro desta actividade, o alumnado realizará unha visita ao LAB Barbanza de Boiro, onde a cooperativa Kracia recibirá ao grupo de estudantes, que ademais de visitar as instalacións, terá a oportunidade de coñecer aos promotores desta cooperativa de mercadotecnia dixital.
A continuación, o grupo desprazarase ao Coworking da Pobra, onde dúas ex-usuarias do centro, promotoras dos proxectos Exeria e Treboada, e a xestora do centro, da empresa Promove, organizan a xornada Cafés feministas para emprender. Segundo informou a Deputación, a organización desta xornada é “o resultado das sinerxías entre tres mulleres emprendedoras, en diferentes etapas, que se unen para axudar a outras persoas que, coma elas, buscan apoio para gañar confianza na aventura de emprender”. Arredor dun café, os grupos de alumnos e alumnas participantes terán a oportunidade de analizar o emprego e o emprendemento no Barbanza para reflexionar arredor dalgunhas cuestións de xénero que inflúen á hora de emprender.
Estudantes de Arquitectura visitaron Arenaza
Por outra banda, o Coworking do Pazo de Arenaza (Oleiros) recibiu este mércores 29 a visita dos alumnos e alumnas da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña.
Durante a súa estadía coñeceron de primeira man o funcionamento do centro, tiveron ocasión de resolver as súas dúbidas relacionadas cos espazos de traballo colaborativo e descubriron as posibilidades que lles brinda o Pazo de Arenaza de cara ao seu futuro.
Podemos atopar máis información sobre todos os centros que integran a Rede Provincial de Coworking na súa páxina web.
A Rede de Coworking da Deputación da Coruña fomenta o emprendemento xuvenil na Pobra, Boiro e Oleiros
Compartir Este Artigo

