O servizo de vídeo baixo demanda da Corporación de Radio e Televisión Española, RTVE Play, está a ter un éxito tal que decidiron tomar unha medida restritiva na súa renovación, de xeito que para ver os seus contidos será imprescindible estar rexistrado.
Co rexistro a plataforma poderá coñecer mellor aos seus usuarios e ofrecer unha experiencia personalizada. O rexistro de balde facilitará que os usuarios poidan conservar o punto no que están a ver un programa para retomalo cando queiran e no dispositivo que desexen; poderán subscribirse aos programas que máis interesen para saber cando hai novas emisións; será posible crear listaxes; e tamén recibiranse recomendacións baseadas nos programas que máis gustan e nas preferencias doutras persoas con gustos semellantes.
Lembremos que RTVE Play ofrece de balde vídeo en directo e vídeo baixo demanda, incluíndo todos os programas e series de TVE, así como cine español e internacional, cun catálogo tan amplo e tan accesible que impulsou a plataforma a liderar o vídeo baixo demanda en aberto en España, de aí que non sorprenda que agora poñan unha pequena cancela para evitar un consumo dos seus contidos dun xeito indiscriminado.
RTVE Play esixirá rexistro para acceder aos seus contidos
Compartir Este Artigo

