Ricardo Cao, elixido este mes de decembro reitor da Universidade da Coruña para os próximos seis anos, protagonizará o acto de investidura do seu cargo á fronte da UDC, o vindeiro martes 16 de xaneiro, acto que estará presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. A cita erá lugar no Paraninfo da Reitoría ás 12:30 horas e, xunto co reitor, tomarán posesión dos seus cargos as persoas que forman o novo equipo de goberno da UDC.
Cao, investigador do CITIC (Centro de Investigación TIC) da UDC, vén de ser elixido o pasado 4 de decembro reitor da Universidade da Coruña para os vindeiros seis anos, obtendo 2.983 votos ponderados fronte aos 1.590 que tivo o outro candidato, Fermín Navarrina.
Ricardo Cao conta cunha ampla experiencia nos eidos da estatística e as matemáticas, que inclúen máis de 200 traballos de investigación e colaboracións con científicos de todo o mundo.
O seu labor destacouse especialmente no proxecto COVIDBENS, onde combinou o servizo público nun momento social crítico co desafío científico de desenvolver un modelo estatístico eficiente, aplicable non só ao COVID-19 senón tamén a outras problemáticas sanitarias como a gripe.
Desde 2008, o CITIC da UDC foi unha plataforma fundamental para Ricardo Cao, permitíndolle desenvolver proxectos singulares centrados na funcionalidade estatística. Recentemente, o Instituto Nacional de Estatística (INE) recoñeceu a versatilidade da súa traxectoria outorgándolle o Premio Nacional de Estatística, unha distinción colectiva que resalta a importancia do traballo en equipo na investigación.
O novo reitor destaca o factor humano como “o principal valor que define o seu traballo”; tamén para abordar cuestións tan de actualidade como a Intelixencia Artificial, “unha ferramenta de enormes posibilidades”, nas súas palabras.
Considera ademais, respecto do seu labor vindeiro á fronte da UDC, que unha das prioridades da universidade debe ser “estreitar a súa colaboración coas empresas e as administracións, así como fomentar a participación a todos os niveis, esencial nun mundo globalizado e para abrir o horizonte da UDC á internacionalización”. E engade: “Trátase de xerar unidades de investigación conxuntas que permitan competir no escenario global”. Neste sentido, a aposta estratéxica polos centros singulares como o CITIC, con profesionais TIC altamente demandados hoxe en día, “constitúe unha excelente panca de impulso”, avanza.
Alfonso Rueda presidirá o acto de investidura de Ricardo Cao como reitor da UDC
Compartir Este Artigo

