Samsung anunciou hoxe que as características de intelixencia artificial que estrearon coa familia de móbiles Samsung Galaxy S24 van chegar a novos dispositivos Galaxy a través da actualización One UI 6.1. Concretamente os dispositivos que poderán gozar da Galaxy AI serán os Galaxy S23, o Galaxy S23 FE, o Galaxy Z Fold5, o Galaxy Z Flip5 e a tableta Galaxy Tab S9 a partir de finais de marzo.
Entre as funcións que chegarán aos móbiles indicados está o Chat Assist que permite axustar o ton das mensaxes e traducilas a 13 idiomas diferentes; a tradución en tempo real mediante Live Translate (que incluso permite traducir chamadas telefónicas); con Interpreter os usuarios poderán conversar noutro idioma cando viaxen; poderán axilizar as buscas sobre o que teñen en pantalla coa función Circle to Search de Google; co Note Assist teñen facilidades para tomar notas; o Transcript Assist permite transcribir xuntanzas (podendo xerar resumos e traducións das mesmas; e incluso contarán coa función Browsing Assist (capaz de resumir as novas que visitemos co navegador web).
Galaxy AI tamén achega funcións para as imaxes e o vídeo, como Generative Edit (para redimensionar, reposicionar ou realiñar fotografías de xeito doado); Edit Suggestion (que permite mellorar as fotografías dun xeito áxil e doado); e con Instant Slow-mo poden xerarse fotogramas adicionais para crear vídeos a cámara lenta de certa calidade sen que fosen filmados empregando tal opción de cámara.
Samsung levará as funcións de IA a dispositivos de alta gama do ano pasado
Compartir Este Artigo

