Non só Microsoft quere que os teclados dos nosos ordenadores teñan unha tecla específica para invocar ao seu asistente con intelixencia artificial, senón que agora tamén é a propia Logitech a que busca algo semellante cunha Signature AI Edition do seu rato sen fíos M750, que destaca por integrar un botón dedicado á IA, que lanza a aplicación Logi AI Prompt Builder.
Esta nova aplicación é basicamente un atallo a ChatGPT, de xeito que o usuario, cando prema o botón de IA do seu rato, abrirá unha fiestra emerxente dende a que poder activar prompts para ChatGPT que resulten de utilidade e poidan mellorar a produtividade reescribir un texto, resumilo, responder ou crear un correo electrónico (coa posibilidade de incorporar novas receitas á aplicación).
Polo momento esta nova prestación só está dispoñible para ChatGPT e en inglés, de aí que este novo rato polo momento estea só dispoñible nos EE.UU. e Reino Unido a un prezo de 49,99 dólares e 54,99 libras esterlinas respectivamente, pero é de esperar que no futuro se adapte a máis mercados e idiomas.
O novo rato de Logitech tamén permite configurar o botón de retroceder para invocar a ChatGPT e o botón de avanzar para activar o ditado do sistema operativo, polo que semella que Logitech confía en que a IA vaia estar cada día máis presente en tarefas de produtividade e queren adaptarse rapidamente a tal escenario.
Logitech lanza un rato con botón de IA
Compartir Este Artigo

