Este venres entréganse no IES Rosalía de Castro de Santiago os VI Premios Stephen Hawking, que contan co patrocinio da empresa láctea FEIRACO e están a ser coordinados pola catedrática da UDC e investigadora do Centro de Investigación TIC (CITIC) Amparo Alonso. Trátase duns galardóns que teñen como obxectivo difundir a cultura científica e estimular a vocación investigadora entre o alumnado de Bacharelato. Participan 54 traballos presentados por estudantes de once institutos: nove galegos, un de Soria e outro de Madrid.
O certame, coordinado por Amparo Alonso Betanzos (Vigo, 1961), catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña, foi convocado polo IES Rosalía de Castro e conta coa colaboración da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, FEIRACO, FINSA e Ternera Gallega.
Os traballos concorrentes xiran en torno a dous eixos: a figura de Amparo Alonso Betanzos e a súa contribución á Intelixencia Artificial; e a lenda desta edición: Intelixencias. Iso significa que os traballos presentados teñen que estar vencellados aos campos da bioloxía e xeoloxía, da física e a química, das matemáticas, do ámbito tecnolóxico, das ciencias sociais ou de índole artística.
Os traballos serán presentados diante do xurado nos laboratorios de bioloxía e física do IES Rosalía de Castro entre as 9:30 e as 13:30 horas, a razón de 10 minutos por traballo máis outros cinco de debate. Os premios serán entregados ás 19:00 horas no salón de actos do instituto compostelán, cunha conferencia de Amparo Alonso Betanzos e cun cóctel con produtos de FEIRACO.
Os centros participantes nos VI Premios Stephen Hawking son: IES Arcebispo Xelmírez II e IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), IES Brión (Brión, A Coruña), IES Eusebio da Guarda (A Coruña), IES Lucus Augusti e IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo), IES Blanco Amor (Ourense), IES Xermán Ancochea Quevedo (Pobra de Trives, Ourense), IES Val Miñor (Nigrán, Pontevedra), IES Castilla (Soria) e IES Ramiro de Maeztu (Madrid).
Amparo Alonso coordina os VI Premios Stephen Hawking que se entregan este venres en Santiago
Compartir Este Artigo

