Nos últimos tempos os produtos de electrónica do fogar convertéronse nalgo bastante común, que xa non se limita a usuarios avanzados, e como boa mostra diso vemos como en tendas como IKEA ou LIDL teñen xa trebellos domóticos no seu catálogo, de aí que non debera sorprendernos que a cadea de supermercados ALDI avance na mesma dirección e lance unha selección de produtos smart para o fogar con prezos bastante axustados.
Como mostra desta aposta de ALDI temos o seu novo folleto, que recolle nunha das súas páxinas 4 produtos electrónicos para o fogar que poden resultar bastante atractivos polo seu bo prezo, como unha cámara de vixilancia sen fíos, con resolución Full HD, que pode controlarse a través de aplicacións móbiles e conta tamén con audio bidireccional, á venda por 29,99 euros.
Outro produto que pode resultar curioso é unha tira LED RGBIC de 6 metros de lonxitude, á venda por 19,99 euros, que pode resultar ideal para crear ambientacións programables e configurables dende o móbil, inundando de cor o espazo onde a instalemos.
Probablemente o produto máis rechamante visualmente sexa o cargador 3 en 1 da marca Quigg, pois trátase dun produto multifunción cunha forma orixinal, equipado con luz ambiental de 7 cores, que é capaz de funcionar como cargador sen fíos de 15 watts, altofalante Bluetooth e tamén radio FM. O seu prezo é de só 19,99 euros.
E o produto máis smart sería, sen dúbida, o enchufe smart wifi da marca Quigg, dispoñible solto por 8,99 euros ou en lotes de 2 unidades por 14,99 euros, e que serve para poder controlar os dispositivos que se conecten a eles, para así poder programar e controlar remotamente o seu uso, ou sexa, que serviría para controlar o acendido e apagado de dispositivos que non conta con funcións smart por si mesmos.
ALDI sorprende incorporando produtos smart no seu útlimo folleto
Compartir Este Artigo

