Aínda que dende que EE.UU. impuxo sancións a Huawei os móbiles da marca chinesa perderon o seu atractivo para usuarios europeos (ao prescindir dos servizos de Google), o fabricante non cesou de mellorar os seus dispositivos, e agora quere volver a ter presencia actualizando a marca dos seus móbiles insignia, a serie P, que pasa a chamarse serie Pura, e que finalmente chega este mes a España.
A familia de móbiles Huawei Pura 70 pretende darse a coñecer para o grande público destacando as súas magníficas cámaras, o seu coidado deseño e configuracións de alta gama que van dende o modelo básico, ata o modelo Ultra, pasando por un modelo Pro, de xeito que consegue abarcar o rango de prezos habitual dos móbiles de alta gama de fabricantes como Samsung.
O Huawei Pura 70 sería o modelo máis básico, con pantalla OLED de 6,6 polgadas e unha velocidade de refresco adaptable de ata 120 Hz, procesador Kirin 9000S1 de 8 núcleos, 12 GB de RAM, 256 GB de almacenamento, cámara principal de 50 Mpíxeles con apertura variable entre f/1.4 e f/4.0, ultra grande angular de 13 Mpíxeles, teleobxectivo de 12 Mpíxeles con zoom óptico de 5 aumentos (e dixital de 50 aumentos), cámara frontal de 13 Mpíxeles, batería de 4.900 mAh con carga rápida de 66 watts por cable e 50 watts sen fíos e resistencia IP68. O que podería ser todo un gama alta, aínda que co detalle de que non inclúe os servizos de Google preinstalados e tampouco conta con 5G, polo que parece difícil que vaia haber usuarios europeos que se animen a pagar os 999 euros aos que pretenden vender o dispositivo. De feito, como promoción de lanzamento están a agasallar co móbil unha funda valorada en 39 euros, uns auriculares sen fíos valorados en 179 euros e cupóns de desconto para a compra dun smartwatch ou outros auriculares sen fíos da marca.
O Huawei Pura 70 Pro sería un móbil moi semellante, aínda que cunha pantalla de 6,8 polgadas, procesador Kirin 9010 de 8 núcleos, 512 GB de almacenamento, batería de 5.050 mAh con carga rápida de 100 watts por cable e 80 watts sen fíos. Para moitos usuarios a súa diferenza máis notable (aparte do tamaño) sería a súa cámara teleobxectivo, que desta volta conta cunha resolución de 48 Mpíxeles e zoom óptico de 3,5 aumentos (dixital de 100 aumentos). O seu prezo medra ata os 1.199 euros.
O móbil co que si busca chamar a atención a marca chinesa é o Huawei Pura 70 Ultra, que incrementa a súa RAM ata os 16 GB, presentan unha traseira texturizada, a capacidade da súa batería ata os 5.200 mAh, e melloras substanciais nas cámaras: a cámara principal ten un obxectivo emerxente de 50 Mpíxeles (presumindo de sensor de 1 polgada e apertura variable entre f/1.6 e f/4.0), un ultra grande angular de 40 Mpíxeles, e un teleobxectivo de 50 Mpíxeles con zoom óptico de 3,5 aumentos (zoom dixital de 100 aumentos). O fabricante considera que estas melloras xustifican un prezo desorbitado de 1.499 euros.
Os Huawei Pura 70 chegan con boas cámaras pero sen 5G nin os servizos de Google
Compartir Este Artigo

