Samsung sorprendeu presentando en Corea do Sur unha tarxeta bancaria que integra Bluetooth de baixa enerxía, de xeito que pode localizarse co móbil mediante a tecnoloxía SmartThings Find en caso de perda (como acontece con moitos outros produtos electrónicos).
Esta tecnoloxía tamén funciona á inversa, ou sexa, que pode configurarse a tarxeta bancaria para que, premendo un botón inferior integrado poida activarse a función de busca do noso smartphone.
A tarxeta tamén conta con funcións básicas, como activar unha notificación no móbil no caso de detectarse que a tarxeta se afastou demasiado do smartphone ao que está ligada (o que pode evitar despois e roubos).
Este curioso dispositivo é compatible con cargadores sen fíos, conta cunha autonomía de ata 30 días cunha única carga, e dende hoxe mesmo pode solicitarse en Corea.
Dado que este tipo de produtos chegan ao mercado a través de colaboracións con entidades bancarias resulta difícil saber se chegará a ver a luz fóra de Corea do Sur, sendo tamén unha incógnita se realmente hai demanda dun produto así, cando o máis frecuente actualmente é integrar as tarxetas bancarias no propio smartphone.
Samsung lanza en Corea unha tarxeta bancaria que pode localizarse co móbil
Compartir Este Artigo

