A editorial Consonni publicou o libro Las redes son nuestras, de Marta G. Franco, quen, tras participar en numerosas iniciativas activistas e de dinamización da cultura dixital, quixo facer un repaso da historia da Internet dende un punto de vista social, coa tese de que as grandes empresas roubáronnos a Internet, polo que na súa obra fai un chamamento para recuperar o seu espírito inicial.
– No teu libro das conta de como a Rede, tras uns comezos moi abertos, cada día están máis lonxe da utopía. Que provocou que a balanza cada vez estea máis inclinada na nosa contra?
– Hai varias causas, pero pesa moito a presión das grandes empresas tecnolóxicas, que fixeron que nos esquecésemos dos principios cos que foi deseñada a Internet: a descentralización, os estándares abertos e a neutralidade da Rede. Empresas como Meta, TikTok ou Netflix esforzáronse en pecharnos en plataformas deseñadas para ser adictivas e extraer os nosos datos. Digamos que quixeron poñerlle portas ao campo para sacar o máximo beneficio del, e así é máis difícil que poidamos ter hortos veciñais, pequenas empresas agrícolas ou xardíns públicos.
– As tecnoloxías coas que traballamos a diario seguen a ter sustento en filosofías colaborativas e libres, pero á hora da verdade son os xigantes tecnolóxicos os que están ao volante. Que estamos a facer mal?
– O que están a facer ben elas: foron moi boas pasando do software libre ao open source, que en principio se parece pero implica abandonar a filosofía de liberdade e xustiza social que traía consigo o software libre. Aproveitan o código libre producido neses contornos e non dubidan en privatizalo, cambiando as súas condicións de uso e buscándolle modelos de negocio nos que impoñen as súas regras. Todo isto ocorre nun contexto neoliberal no que os estados deixan de investir no público e confían todo ao autocontrol por parte das empresas, coas consecuencias que xa coñecemos. Podemos facer autocrítica, claro, pero partindo de que a conxuntura foi moi desfavorable para o colaborativo.
– Podemos ter a impresión de que as mobilizacións cidadás collen forza na Rede, pero ese espírito inicial non estaría a perverterse nos últimos tempos? Como pasamos de reivindicar a liberdade ante réximes opresivos a organizar grupos que se dedican a desinformar como canle de manipulación política?
– As mobilizacións cidadás collen forza cando a xente pode xuntarse para falar, debater e pensar en común. Durante moitos anos, a Internet era unha ferramenta fantástica para iso, pero agora o é menos debido a como evolucionou: quedamos pechadas en plataformas que están deseñadas para extraer os nosos datos cunha voracidade cada vez maior, e para iso non dubidan en empeorar a nosa comunicación. En Facebook, polo menos, podías falar con persoas, a propia interface animábate a debater; agora, TikTok potencia un consumo de contidos máis compulsivo e é algo máis semellante a unha tele, ves vídeos e como moito reaccionas cun corazón. Por outra banda, para responder a aquelas mobilizacións cidadás, certos sectores reaccionarios comezaron a usar as nosas tácticas, pero armados con máis recursos. Están nas redes, pero con bots e trolls a soldo, coordinados con tertulianos nos medios de comunicación e investindo moito diñeiro para desinformar. De novo, podemos facer autocrítica, pero o que temos enfronte é monstruoso.
– Aínda que a deriva actual de X/Twitter é lamentable, o discurso da liberdade de expresión non deixa de empregarse para defender comportamentos tóxicos. É posible que poidamos chegar a un equilibrio que faga realidade a perseguida praza pública?
– No ámbito legal está moi ben definido que é un delito de odio e cales son os límites da liberdade de expresión. Xa hai ferramentas legais, que seguramente se poderían aplicar con máis eficacia, pero non creo que endurecelas sexa o camiño. O que ocorre en plataformas como X é que están deseñadas para que os comportamentos tóxicos se vexan máis: os algoritmos de recomendación destacanos porque saben que captan moita atención. Eu non creo que teñamos que xudicializar todas as interaccións sociais desagradables, senón que hai que analizar como se están amplificando e comezar a apostar por contornos dixitais orientados cara ao contrario: posibilitar debates pausados e procesos colaborativos máis ricos.
– WhatsApp, Facebook, Instagram, X… semella que Silicon Valley ten dominadas as plataformas de comunicación social, e basicamente só quedan fóra plataformas non menos polémicas como TikTok e Telegram. Ante esta situación, debemos construír novos espazos nos que comunicarnos ou sería preferible domar aos xigantes tecnolóxicos?
– As institucións democráticas teñen a obriga de poñer límites efectivos para domar a eses xigantes cando permiten que se vulneren os nosos dereitos. Con todo, con estas plataformas sempre teremos un problema de base: queremos usalas para informarnos, dialogar ou divertirnos, pero están deseñadas para extraer os nosos datos persoais. Para termos espazos máis acordes cos nosos intereses, deberiamos construír contornos dixitais de xestión pública e cidadá, sempre descentralizados para evitar novos abusos. Nese sentido, interésame moito o que está a pasar co fediverso, un sistema para facer redes sociais federadas cuxo recuncho máis coñecido é Mastodon.
– Nos últimos tempos a intelixencia artificial está a converterse nun tema omnipresente, que no caso das redes está a xogar un papel crucial. Aínda que a xeración de falsidades temos todos claro que son un grande problema, cando falamos das facilidades que achega a personalización de contidos estamos aínda ante unha ameaza maior ao poder quedar atrapados nunha burbulla creada polo que ata hai pouco coñeciamos como «o algoritmo»?
– Sen dúbida. Margarita Padilla, que é unha tecnóloga á que admiro moito, di que a IA é unha recentralización do coñecemento. En Google, a pesar de todos os seus nesgos, cando buscas podes acabar en moitos sitios, mentres que a IA respóndecho todo ela soa, e normalmente nin che di cal é a súa fonte (quizais porque non a ten e só está alucinando). Aquí tamén hai un problema de deixarnos levar polas modas tecnolóxicas: non ten sentido que esteamos usando ChatGPT como un buscador, nin por eficacia nin por eficiencia enerxética.
– A comezos do verán percorriches varias cidades galegas presentando o teu libro. Detectaches algunha diferenza da recepción do libro na nosa terra, por exemplo, polo feito de que a nosa comunidade conte cunha lingua propia?
– Existe unha alianza interesante entre o software libre e as linguas que non son maioritarias, xa que o feito de que poidamos modificar o código permite traducir as interfaces con relativa facilidade. Creo que debe ser por iso que Galicia é, xunto con Euskadi e Cataluña, onde máis comunidades de software libre hai no sur de Europa. E non debe ser casualidade que sexan os tres lugares onde máis presentacións e entrevistas fixen. Ademais das presentacións, o libro está sendo moi ben recibido no fediverso, onde existe unha comunidade moi activa en instancias como mastodon.gal.
– A temática que abordas en Las redes son nuestras está en constante cambio. Como podemos facer para estar ao día da túa man?
– Manteño un boletín no que escribo regularmente. Ademais, adoito compartir ideas sobre estes temas en Mastodon. Aínda que quero aclarar que Mastodon cada vez está máis concorrida e xa non só se fala do mundo techie, afortunadamente estase a converter nun lugar máis animado.

