Dende hai bastante tempo Voicemod ofrece aos seus usuarios tecnoloxía de modulación de voz mediante IA para empregar mentres se xoga en liña, permitindo así a transformación da nosa voz (con máis de 150 voces distintas creadas pola compañía e milleiros máis creadas pola comunidade de usuarios) e o lanzamento de efectos e sons para animar a interacción cos amigos, para o que este servizo instalaba un micrófono virtual no noso equipo.
Dado que esta solución só estaba dispoñible para ordenadores persoais, decidiron abrirse ás consolas cunha solución de hardware: o accesorio coñecido como Voicemod Key. Falamos dun pequeno trebello que podemos conectar ao noso smartphone (onde temos que instalar a aplicación de Voicemod que se encarga de modificar a nosa voz e disparar os sons que queiramos) á vez que conta tamén con conectores físicos para auriculares con micrófono (os típicos que se empregan para conversar nos xogos en liña) á toma de auriculares da nosa consola (normalmente presente no mando de xogo).
O curioso deste accesorio é que non se comercializa para a súa venda, senón que se ofrece sen custo adicional cunha subscrición a Voicemod Pro, que en promoción custa 35,99 dólares/ano (en anos sucesivos custaría 59,99 dólares/ano).
Este dispositivo estaba inicialmente dispoñible nos EE.UU., pero Voicemod vén de ampliar internacionalmente o seu servizo de subscrición de xeito que o Voicemod Key inicia a súa dispoñibilidade en España (aínda que a compañía salienta que non se fai responsable do tempo de entrega do dispositivo, que pode ser bastante elevado).
Voicemod comercializa un accesorio para modificar a nosa voz mentres xogamos coa consola
Compartir Este Artigo

