Nas feiras tecnolóxicas levamos un tempo vendo como os grandes fabricantes de televisores presumen das súas pantallas transparentes, pero agora LG dá un paso decisivo ao ousar a colocar este tipo de pantallas nun televisor comercial. Falamos do LG Signature OLED T de 77 polgadas, que presume de ser o primeiro televisor transparente do mundo con pantalla OLED 4K sen fíos, que este mesmo mes chega aos EE.UU. a un prezo de 59.999 dólares, chegando o resto do mundo nos vindeiros meses.
O televisor pode alternar entre o modo de transparencia e o modo opacidade con só premer un botón, resultando abraiante o modo no que o fondo da pantalla se converte en transparente, dando a impresión de que os contidos están a flotar no aire, conseguindo unha integración no contorno moi orixinal e hipnótica.
A pantalla tamén pode funcionar nun modo sempre acendida, na que a súa parte inferior compórtase como unha barra de contidos na que ver información dos nosos dispositivos domóticos, da predición meteorolóxica, de resultados deportivos ou mesmo da música que estamos a escoitar, mentres o resto da pantalla parece invisible.
Para contribuír a esta sensación de integración no espazo, o novo televisor de LG tamén conta con tecnoloxía de transmisión sen fíos de audio e vídeo, de xeito que o televisor está libre dunha chea de cables na súa parte traseira, pois estas conexións realizaríanse nunha Zero Connect Box, accesorio que emitiría os sinais ao televisor sen fíos e sen perda. Amais, o televisor soporta imaxes en 4K ata a 120 Hz, de xeito que sería apto incluso para gozar de videoxogos.
Queda por ver se este tipo de tecnoloxía chegará a reducir o seu prezo para converterse nunha realidade nos fogares de xeito masivo, ou limitarase a unha simple anécdota nun mercado de luxo. Do que si non parece haber dúbidas é de que as pantallas OLED transparentes si terán unha aplicación clara en espazos públicos (especialmente en tendas).
O televisor transparente de LG xa é unha realidade comercial
Compartir Este Artigo

