O vindeiro mércores 11 de xuño vaise celebrar en Santiago, en horario de 10.00 a 13.30 horas, a xornada de peche da quinta edición do programa Talentos Inclusivos, impulsado polo CITIC da Universidade da Coruña e ASPACE Coruña, que ten como obxectivo fomentar a inclusión de persoas con discapacidade a través de retos tecnolóxicos e creativos desenvolvidos por centros educativos de Galicia.
O evento, que reunirá a máis de 450 persoas entre estudantes, docentes e participantes con discapacidade, desenvolverase no salón do edificio Fontán na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, e comezará ao 10.00 h coa chegada dos centros educativos participantes. Ao 10.30 h arribarán as autoridades, que participarán nunha foto de familia e posteriormente realizarán unha visita guiada polas diferentes casetas cos proxectos realizados polo alumnado, acompañados por un representante do CITIC. Durante esta visita, entregaranse diplomas aos centros participantes. Ao longo da mañá, as persoas asistentes poderán visitar libremente a exposición de proxectos e participar nunha xincana que fomentará a interacción e o coñecemento das solucións desenvolvidas.
A xornada concluirá cun sorteo e un xantar colectivo, estimándose a finalización do acto ás 13.30 horas.
O programa, que nesta edición contou coa participación de 15 centros educativos de toda Galicia, consolídase como unha iniciativa que visibiliza a realidade das persoas con discapacidade a través do desenvolvemento de retos tecnolóxicos, promovendo a colaboración entre estudantes, asociacións e entidades especializadas.
Innovación e compromiso coa inclusión
Con cinco anos de traxectoria, Talentos Inclusivos conseguiu un impacto significativo na comunidade educativa e tecnolóxica. Desenvolveu máis de 70 solucións tecnolóxicas para mellorar a calidade de vida de persoas con discapacidade, impulsando a ciencia inclusiva como piar fundamental.
Na edición de 2024, o programa contou coa participación de 15 colexios de Galicia, involucrando a máis de 500 estudantes e 50 persoas con discapacidade no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas innovadoras. A edición actual conta con representación de centros educativos de toda a
comunidade galega que están a desenvolver un total de 59 retos tecnolóxicos co apoio de persoal investigador do CITIC.
Talentos Inclusivos é un proxecto desenvolvido polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da UDC (Universidade da Coruña) e ASPACE Coruña, e que conta co apoio da FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades; o Consello Social da UDC; o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia a través das Consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e FP e Política Social e Igualdade.
O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) entre os mozos e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral.
A través deste proxecto, estudantes de secundaria, bacharelato e Formación Profesional de diversos institutos de Galicia, terán que buscar solucións tecnolóxicas a unha serie de retos que serán propostos por usuarios das entidades ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e do Centro de Formación da Cruz Vermella na Coruña.
O CITIC celebra este mércores a xornada de peche da V edición de Talentos Inclusivos
Compartir Este Artigo

