As Xornadas de Podcasting (JPOD) regresan este ano cunha edición que se celebrará en Terrassa os días 24, 25 e 26 de outubro. Organizadas pola Asociación Podcast de España co apoio do Concello de Terrassa, as JPOD 2025 aspiran a converter a cidade nun referente da cultura dixital e da comunicación sonora.
A principal novidade desta edición é a incorporación, por primeira vez, de podcasts en todas as linguas cooficiais do Estado, nun claro compromiso coa diversidade cultural e lingüística. A organización destaca así a vontade de facer das JPOD un espazo inclusivo e plural, onde se recoñeza a riqueza do ecosistema podcasteiro en galego, catalán, éuscaro e castelán.
O evento reunirá durante tres días a creadores, oíntes, profesionais do audio dixital, empresas e plataformas de todo o país. A programación incluirá conferencias, obradoiros, mesas redondas, gravacións en directo e espazos para o intercambio de ideas e contactos, culminando coa gala de entrega dos Premios da Asociación Podcast.
Emilio Cano recibirá un premio honorario polas súas achegas ao podcasting
Precisamente, no marco desa gala que terá lugar o sábado 25 de outubro no Auditori Municipal de Terrassa, entregarase o Premio Honorario da XV edición das JPOD a Emilio Cano, máis coñecido como Emilcar.
Considerado unha figura pioneira do podcasting en español desde os seus inicios en 2005, Emilcar será recoñecido pola súa contribución constante á creación de contidos, formación e pensamento crítico no ámbito do audio dixital.
çO autor de programas como Emilcar Daily ou Sujétame el micro confirmou a súa asistencia para recoller o galardón en persoa.
A organización anunciará proximamente o programa provisorio e o proceso de inscrición.

