Ao pouco de que Elon Musk tomase as rendas de Twitter foron moitos os cambios na plataforma consecuencia dos recortes a nivel de infraestrutura, como cando se chegou a limitar o número de chíos que podían lerse por día. Esta cantidade era diferente entre os usuarios de balde e os usuarios de pagamento, e aínda que esta medida se anunciaba como temporal, rematou converténdose nunha política de límites establecida.
Nos últimos tempos os límites de X eran de 500 mensaxes directas ao día, 2.400 publicacións/republicacións ao día, 400 seguidos ao día e tamén outros límites de seguimento doutras contas unha vez superados os 5.000 seguidos. Aínda que moitas destas limitacións son claramente razoables, e buscan principalmente evitar certas malas prácticas, a política de publicacións vén de mudar, e as novas limitacións poden resultar un problema para os usuarios máis activos, xa que a partir de agora as contas que non paguen pola verificación só poderán realizar 50 publicacións ao día e 200 respostas.
Aínda que os límites poden parecer bastante elevados para un usuario ordinario, pode haber momentos puntuais nos que resulte natural superalos e, no caso de empresas e medios de comunicación isto podería ser moi habitual, polo que practicamente se está forzando a moitos usuarios a pasarse a un plan de pagamento se non queren ver limitada a súa capacidade de interactuar en X. Estamos ante unha práctica que ningunha outra plataforma social xeralista ousou facer, polo que non sería unha sorpresa que finalmente se botasen a compañía de Elon Musk se botase para atrás de detectar que tal política ten un efecto pernicioso.
X limita o número de publicacións que poden facerse ao día sen pagar
Compartir Este Artigo

