Twitter limita o número de chíos que poden ler diariamente os seus usuarios

luns, 3 de xullo do 2023 Marcus Fernández

O pasado venres Twitter sorprendeu bloqueando os accesos á súa plataforma a conexións que non correspondesen a usuarios identificados, asegurando Elon Musk que era unha medida temporal para evitar a extracción non autorizada de datos da plataforma por terceiros, argumento con pouca credibilidade, especialmente por producirse no mesmo momento no que sabíase que caducaba o contrato actual de Twitter cos servizos na nube de Google, e cuxa renegociación estaba a resultar complicada ante os impagamentos por parte de Twitter.
Os servizos de Twitter corren en servidores propios, pero apoiándose en servidores tanto de Google como de Amazon, e prescindir de calquera destes provedores externos requiriría migrar unha grande cantidade de funcións, o que non é unha tarefa doada, especialmente dende unha compañía que reducir drasticamente o seu cadro de persoal para contar co mínimo para manter o servizo activo.
Ao pouco de provocarse o bloqueo a accesos sen identificar, apareceron voces apuntando a que tal reacción impulsiva por parte de Musk estaba a ter consecuencias moi serias, xa que a propia Twitter non estaba programada para operar así, e o sistema non paraba de repetir solicitudes aos seus sistemas (que non eran atendidas) provocando unha reacción semellante a un ataque de denegación de servizo, de xeito que moitos usuarios experimentaron o que parecía unha caída de Twitter.
A situación continuou escalando, e para tentar xustificar o que acontecía, Elon Musk reiterou que os problemas eran consecuencia de «niveis extremos de extracción de datos e manipulación do sistema» (sen facer ningunha alusión aos seus problemas coas infraestruturas de provedores externos) asegurando que iso o levou a establecer límites temporais no número de chíos aos que poden acceder os usuarios en función do tipo de conta que teñan: as novas contas só poderían acceder a 300 chíos/día, as contas ordinarias a 600 chíos/día e as contas con Twitter Blue poderían acceder a 6.000 chíos/día.
Esta limitación levou a que boa parte dos usuarios máis activos en Twitter atopasen unha mensaxe de «cuota límite excedida», algo que os sorprendía, por non ter sido notificados de ningún xeito das novas limitacións de Twitter (o que xa levou a FACUA a presentar unha denuncia) e por non ter visto tal erro nunca antes.
Ante esta situación a solución de Musk foi un tanto ridícula: anunciar límites un pouco superiores (de 400, 800 e 8.000 chíos respectivamente) e repetindo a xogada unha vez máis (situando os límites en 500, 1.000 e 10.000 chíos/día).
Musk continua a afirmar que o grande problema que ten Twitter é que as compañías que están a adestrar grandes modelos de linguaxe acceden masivamente a Twitter para coller datos de mostra ilegalmente, argumento sen sustento, especialmente porque Twitter podería protexerse sen moito problema dese tipo de accións, e empregar o problema actual para tentar forzar que os usuarios paguen unha subscrición a Twitter Blue podería ter a reacción contraria (a fuxida dos usuarios que xeran contido ante a perda de audiencia).
O que non deixa de ser rechamante é que un dos servizos de Twitter máis empregados por profesionais (e usuarios de pagamento) sexa Tweetdeck, que dende que hai restricións de uso está inoperativo, para desesperación dos que o empregan como ferramenta de traballo.

Os últimos días Tweetdeck non é capaz de amosar información aos seus usuarios, pese a que boa parte deles están subscritos a Twitter Blue