Este 14 de xullo escenificouse en Redondela un importante avance para o futuro Viveiro e Centro de Negocios do concello que impulsa a Zona Franca de Vigo na histórica edificación da rúa Subida á Estación. Nunha visita á zona, o delegado do Estado, David Regades, acompañado da alcaldesa, Digna Rivas, confirmou que nos próximos días “daremos un paso definitivo coa saída a licitación das obras” e que “xa temos licencia do Concello e luz verde de Patrimonio polo que, se todo vai ben, poderíamos comezar os traballos a finais de ano ou principios de 2027”.
Explicaron que o inmóbel transformarase “nun vangardista equipamento, revitalizando por completo a contorna estratéxica da estación ferroviaria”. Esta “ambiciosa intervención” terá un orzamento de case 1,7 millóns de euros e suporá, indicaron, “a posta en valor dun edificio en ruína e a creación dun motor de transformación económica, empresarial e social para o concello, dando resposta á demanda do tecido empresarial, que reclamaba espazos adaptados ás novas dinámicas de traballo flexible e conectividade”.
Regades e Rivas presentaron as principais liñas do proxecto de execución, redactado pola UTE Díaz y Díaz Arquitectos S.L.P. xunto a Castroferro Arquitectos S.C.P., que dotará á vila dunha área de coworking, postos individuais e salas multiusos en pleno centro de Redondela.
Os puntos clave son os tradicionais muros de granito exteriores de 50 cm, e a restauración e mantemento das galerías de madeira orixinais, que convivirán con solucións técnicas contemporáneas.
Amais reconfiguraranse os espazos interiores nunha volumetría de planta baixa e dúas plantas elevadas, expandindo a súa superficie útil ata os 469,54 m² e alcanzando unha superficie construída total de 612,06 m², dotando a Redondela dunha área de coworking e salas multiusos preparadas para albergar a persoas autónomas, emprendedores e micropemes.
No ámbito máis tecnolóxico, o proxecto destaca por “unha proposta de enxeñería de primeiro nivel”, explicaron, engadindo que “que o centro será a infraestrutura competitiva que as empresas locais necesitan para dixitalizarse e expandirse no mercado global”. Os espazos contarán cun sistema avanzado de climatización para garantir a eficiencia coa máxima calidade do aire e cun consumo enerxético mínimo. Así mesmo, dispoñerá dunha rede de telecomunicacións de última xeración, capaz de fornecer ata 192 tomas de datos de alta velocidade nos postos de traballo, con puntos de acceso Wi-Fi distribuídos estratexicamente por todas as plantas. Destacar que a iluminación do complexo será “cen por cen sostible”, empregando luminarias LED gobernadas por un avanzado sistema de regulación dixital DALI e sensores de achega de luz natural.
O Viveiro e Centro de Negocios de Redondela achegará servizos avanzados para a dixitalización das empresas
Compartir Este Artigo

