A Cámara de Comercio de Santiago vai achegar este mes de xullo unha nova actividade de transformación tecnolóxica ao servizo das pemes e das persoas autónomas da demarcación. Trátase da xornada gratuíta e en liña Cliente dixital: como captar, convencer e fidelizar. Será o vindeiro 23 de xullo a partir das 10.00 horas. Terá unha hora de duración.
O obxectivo é dar aos asistentes unha folla de roteiro sinxela para mellorar a súa captación, aumentar a conversión e reforzar a fidelización de clientes con ferramentas dixitais. Está dirixida a pemes, autónomos e emprendedores.
No paquete de contidos inclúese o significado do cliente dixital e unha aproximación ás novas tendencias de mercadotecnia; que oportunidades se abren para autónomos, comercios e pemes; como aplicar IA na mercadotecnia; as principais ferramentas de IA para crear contido, aforrar tempo e mellorar resultados; casos prácticos de uso en pequenas empresas; as redes sociais e os contidos que xeran negocio; que publicar, onde publicar e como destacar; como crear contidos con IA de maneira rápida; como automatizar a atención ao cliente; ou cales son as claves para aumentar a visibilidade e captar clientes.
O relator será Fernando Rodríguez de la Torre, director da Axencia con C de Comunicación, profesor no Mestrado de Marketing Digital da USC e director de Briefinggalego.com, portal de referencia do sector da mercadotecnia e da publicidade en Galicia.
Esta xornada está co-financiada polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o Concello de Santiago de Compostela.
A Cámara de Santiago móstranos todo o que precisamos saber sobre o cliente dixital
Compartir Este Artigo

