Mery Pais (Santiago, 1990), Julia Huete (Ourense, 1990), Rosendo Cid (Ourense, 1974), Manuel Quintana Martelo (Santiago, 1946) e Yolanda Dorda (Barcelona, 1975) son os cinco artistas que se incorporan a Atalaia, plataforma web de creación contemporánea galega que promove a Sección de Arte e Creación Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG). Entrevistas, biografías e unha escolma da súa obra incorpóranse á plataforma que pretende contribuír a dar a coñecer a plástica galega.
Os cinco novos nomes que se incorporan nesta actualización de Atalaia amosan diferentes estilos, xeracións e propostas artísticas.
Segundo explica o CCG, cada actualización da plataforma responde á votación dunha lista consensuada entre todos os membros da Sección, na que se ten en consideración a corrección da desigualdade na representación das mulleres existente no catálogo inicial, ademais de promover a diversidade de linguaxes e xéneros presentes na creación contemporánea actual. Esta actualización complementa un catálogo que conta, a día de hoxe, con 79 artistas, dos que se exhiben preto de 500 obras.
No marco desta actualización incorporouse tamén un novo itinerario dedicado á obra de Ángela de la Cruz, unha das artistas máis destacadas do panorama galego contemporáneo. O percorrido, guiado pola comisaria e crítica Agar Ledo, propón unha aproximación ao seu característico traballo, no que as propias estruturas dos cadros e os seus marcos pasan a formar parte da creación artística.
15 anos de traballo
O 30 de xuño de 2010 nacía Atalaia, unha base de datos, directorio e centro de recursos para coñecer os artistas, as obras, os eventos, as publicacións e as entidades vinculadas á arte contemporánea en Galicia. Ao longo destes quince anos, a plataforma reuniu información e materiais de preto de 70 creadores, espazos e entidades que promoven a arte contemporánea galega.
En abril deste ano, a Sección de Creación e Artes Visuais puxo en marcha unha nova etapa para a plataforma, cun cambio de concepto e de formatos baseado na actualización permanente dos seus contidos. Naquela primeira renovación incorporáronse Ana Gesto, Andrea Cotas, Carla Andrade, Soledad Penalta e Jesús Madriñán.
Cinco novos artistas incorpóranse á plataforma galega Atalaia
Compartir Este Artigo

