Gradiant, centro tecnolóxico galego, fixo balance das cifras acadadas en 2025, moi relevantes en materia de ingresos e desenvolvementos. Segundo fixo saber, pechou o ano cos mellores resultados da súa traxectoria, alcanzando por primeira vez os 17 millóns de euros en ingresos, o que supón un crecemento do 20% respecto ao exercicio anterior, dos cales o 11% proviñeron directamente de venda de propiedade intelectual. “Trátase dunha evolución sostida que consolida a traxectoria ascendente do centro, cuxos ingresos aumentaron un 183% desde 2021”, sinalou a dirección de Gradiant.
Do volume total de ingresos rexistrado en 2025, o 66% correspondeu a facturación vinculada a empresas, reflexo do papel que o centro tecnolóxico galego desempeña como socio TIC de referencia para o tecido empresarial.
Ademais, o centro conseguiu en 2025 contratos de I+D por valor de 6,4 millóns de euros, cunha destacada achega do financiamento europeo, que alcanzou os 4,4 millóns de euros, un 124% máis que no exercicio anterior. Desde a súa fundación en 2008, o centro acumula xa máis de 19 millóns de euros procedentes de programas europeos de financiamento competitivo.
Durante o último exercicio, o centro desenvolveu un total de 123 proxectos, dos cales 81 foron nacionais, 23 impulsados en Galicia e 19 de carácter internacional.
“En Gradiant consolidamos un modelo de éxito sólido baseado non só en atraer financiamento para Investigación, Desenvolvemento e Innovación, senón en transformalo en tecnoloxías innovadoras que teñen un impacto concreto na economía e xeran emprego de alto valor engadido. A nosa capacidade de anticiparnos aos retos da industria, desenvolver tecnoloxía propia e manter un elevado nivel de especialización son as claves do noso éxito. Un éxito que contribúe a reforzar a competitividade e capacidade innovadora de todo a nosa contorna”, destaca Luis Pérez Freire, director xeral de Gradiant, quen remarca que un dos eixos estratéxicos de Gradiant continúa sendo o impulso de novas firmas innovadoras (startups) intensivas en I+D con capacidade de dar resposta a retos tecnolóxicos de alto impacto en sectores estratéxicos.
“En Gradiant acompañamos iniciativas que nacen en fases moi temperás, pero con enorme potencial para xerar impacto en ámbitos crave como a industria, defensa, saúde, agroalimentación, cuántica, fotónica ou ciberseguridade”, explica Fernando Jiménez, xerente do centro, sinalando que durante 2025 Gradiant lanzou dúas novas spin-offs baseadas en intelixencia artificial, Kiur e Dokken, que se suman a proxectos impulsados polo centro que agora xa están consolidados como é o caso de Alice Biometrics, especializada en verificación de identidade dixital, ou Sense Aeronautics, centrada en mellorar a eficiencia e seguridade en operacións aéreas e espaciais.
Ademais, o centro presentou Qryption, un novo proxecto de criptografía financeira avanzada orientado a reforzar a protección e xestión segura de activos criptográficos en entidades financeiras, e que aspira a converterse na sexta spin-off impulsada pola organización.
TRL13: un fondo de investimento pioneiro en Europa
Outro dos grandes fitos alcanzados por Gradiant en 2025 foi a creación de TRL13, o primeiro fondo europeo de investimento promovido por un centro tecnolóxico español con capital propio, un instrumento pioneiro que combina tres áreas estratéxicas: tecnoloxía profunda, transferencia tecnolóxica e tecnoloxías dixitais.
“Con TRL13 damos un paso máis no noso propósito de xerar riqueza a través do coñecemento, poñendo o noso propio capital e experiencia ao servizo de novos proxectos tecnolóxicos para multiplicar o impacto económico, social e industrial que somos capaces de xerar”, explica Luis Pérez Freire, que apunta que “o lanzamento deste novo vehículo cobra especial relevancia nun contexto no que menos do 5% do investimento privado europeo destínase actualmente a proxectos deep tech”.
Gradiant medrou un 20% en 2025, superando por primeira vez os 17 millóns en ingresos
Compartir Este Artigo

