Este mes de xullo rematou o proceso de selección da décimo terceira edición do encontro pontevedrés Pont-Up Store, que recibiu 151 candidaturas para participar nas súas tres modalidades entre as que se escolleron as 48 propostas empresariais, que van participar neste encontro, que se consolida como “un dos mellores termómetros do emprendemento galego”, en palabras da organización.
Tamén se destaca que fronte á diminución das altas de empresas en todas as cidades galegas (cun descenso do 11,34 % de media en Galicia), Pont-Up Store “mantén practicamente intacto o volume de proxectos recibidos e confirma unha evolución cualitativa do emprendemento cara propostas máis especializadas, tecnolóxicas e con maior capacidade de impacto”.
“O que observamos non é tanto unha diminución do talento emprendedor como unha evolución cara a proxectos máis maduros, máis innovadores e cunha maior base tecnolóxica”, explica o director do encontro, Pedro Figueroa. “Cada vez chegan menos ideas improvisadas e máis empresas con capacidade real para medrar, internacionalizarse e transformar sectores estratéxicos da economía galega.”
Entre as principais conclusións desta edición destaca o importante incremento dos proxectos de perfil tecnolóxico, especialmente das spin-off universitarias, “resultado do traballo desenvolvido polo Pont-Up Store en colaboración coas tres universidades galegas e diferentes centros tecnolóxicos”, engade Figueroa.
Empresas como edgeContinuum, especializada en infraestruturas cloud descentralizadas; Diversa Technologies, spin-off do IDIS e do SERGAS centrada en nanotecnoloxía para a liberación dirixida de fármacos; Enerxía Comunitaria, impulsada desde a Universidade de Vigo para democratizar a transición enerxética; ou BioAqua, que aplica biotecnoloxía á depuración e reutilización da auga, representan “unha xeración de emprendementos intensivos en coñecemento capaces de competir en mercados internacionais”, salienta Figueroa.
Ao mesmo tempo, o encontro consolida outro dos seus grandes obxectivos: facer visible o emprendemento que nace fóra das grandes áreas urbanas. O 47 % das candidaturas seleccionadas proceden do rural ou de pequenas vilas, incrementándose ademais a presenza de iniciativas das provincias de Lugo e Ourense. Desde Burela chega Treba Gourmet, que recupera a tradición conserveira artesanal; desde Maceda, Caldeiro Cerámica reivindica os oficios artesáns; Floresta Flores aposta pola floricultura ecolóxica en Gondomar; Fermentos da Meiga conecta ciencia e tradición alimentaria; mentres Labre Gando desenvolve solucións biotecnolóxicas para facer máis sostible a actividade gandeira.
A intelixencia artificial deixa de ser tendencia para converterse en negocio
Dende a dirección da feira pontevedresa engaden que “se houbo unha tecnoloxía transversal nesta convocatoria foi a intelixencia artificial, que xa non aparece como un elemento experimental, senón integrada en solucións empresariais con aplicación inmediata”. É o caso de SIZIT AI, que permite calcular a talla exacta do calzado a partir dunha fotografía do pé; Numacoach, que desenvolve unha adestradora persoal baseada en IA; Workstamp, orientada á xestión intelixente de equipos; ou loveIFC, plataforma para procesar modelos BIM directamente na nube.
Economía circular, sustentabilidade e industrias creativas
Outra das grandes liñas desta edición é a consolidación de proxectos que sitúan a sustentabilidade como eixo central do seu modelo de negocio. Aurarte transforma residuos mariños en pezas artísticas; Plic (re)made fabrica mobiliario con plástico reciclado; Forest aposta por un modelo eléctrico renovable; Dodo Madeira recupera madeira procedente de árbores caídas; mentres BioAqua aplica procesos biolóxicos para reducir o uso de produtos químicos na depuración da auga.
As industrias culturais e creativas tamén gañan peso nesta edición con propostas como A Furna, cooperativa audiovisual especializada en contidos accesibles; o artista Ismaelo, referente internacional do pop art dixital; Enxame Drones, que levará ao encontro espectáculos escénicos con enxames de drons, o Círculo de Bordadoras, que recupera os oficios téxtiles desde unha perspectiva comunitaria ou Mina Ilustracións.
O liderado feminino continúa sendo maioritario… pero non nas startups de maior impacto
O 69 % das iniciativas seleccionadas están lideradas por mulleres, unha porcentaxe moi superior á media do ecosistema emprendedor e que consolida unha tendencia observada nas últimas edicións do Pont-Up Store. Con todo, a organización chama a atención sobre unha realidade que continúa repetíndose: esa presenza diminúe cando se analizan os proxectos de maior intensidade tecnolóxica e escalabilidade, especialmente nas spin-off universitarias e nas startups que competirán no Pont-Up Venture, onde as mulleres forman parte dos equipos de investigación e desenvolvemento, pero seguen sendo minoría á fronte dos proxectos. Para Pedro Figueroa, “o reto xa non é que as mulleres emprendan, porque os datos demostran que o fan e ademais lideran boa parte das iniciativas. O verdadeiro desafío está en incrementar a súa presenza nos proxectos científicos e tecnolóxicos de maior impacto e nas empresas que nacen da transferencia de coñecemento desde a universidade”.
48 proxectos para converter Pontevedra na capital do emprendemento
Os emprendementos seleccionados ocuparán 33 casetos, desenvolverán 7 actividades demostrativas e 8 firmas participarán no Pont-Up Venture, onde presentarán os seus proxectos ante un panel de profesionais do investimento e do venture capital vinculados a entidades e fondos que, no seu conxunto, xestionan ou analizan vehículos de investimento por un valor próximo aos 100 millóns de euros.
Durante dous días, Pontevedra volverá converterse nun escaparate do talento emprendedor galego, reunindo proxectos que van desde a biotecnoloxía e a intelixencia artificial ata a economía circular, a transición enerxética, a artesanía contemporánea, a cultura ou a innovación agroalimentaria.
O Pont-Up Store está organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, integrada por máis de 280 empresas, co patrocinio principal do Concello de Pontevedra e coa colaboración da Universidade de Vigo, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia, Zona Franca, Abanca e outras entidades que conforman o ecosistema de apoio ao emprendemento.
Pont-Up Store selecciona 48 revolucionarias candidaturas para a súa próxima edición
Compartir Este Artigo

