Xa están dispoñibles en Udemy tres cursos en liña gratuítos sobre románico galego. Forman parte do proxecto Redescubre o Románico de Galicia, impulsado pola Fundación Santa María La Real, co apoio de Redeia e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. A acción formativa, en formato MOOC (curso online aberto e gratuíto), divídese en tres cursos que abordan cuestións como o románico compostelán e as peregrinacións, a Arte 1200 ou os mosteiros galegos.
“O noso obxectivo é achegar o románico galego a calquera persoa interesada, independentemente dos seus coñecementos previos. Deseñamos un itinerario accesible e rigoroso que permite comprender a riqueza, diversidade e singularidade dun dos patrimonios medievais máis destacados de Europa”, explican os responsables do proxecto.
Os tres cursos, impartidos por especialistas en historia da arte e patrimonio medieval, ofrecen un percorrido por algúns dos principais fitos do románico galego. O primeiro, a cargo do profesor Victoriano Nodar, da Universidade de Santiago de Compostela, analiza o papel da catedral de Santiago e do Camiño como grandes motores de difusión do románico en Europa.
No segundo, o historiador Diego Fernández, da Universidade de Vigo, profunda na expansión do coñecido como Arte 1200, xurdido ao redor dos modelos do Mestre Mateo, mediante un percorrido por enclaves como a Ribeira Sacra, a Catedral de Ourense ou as comarcas de Allariz e O Ribeiro para explicar como este estilo evolucionou e adquiriu unha personalidade propia en Galicia.
No terceiro curso é, de novo, o profesor Nodar, o encargado de adentrar ao alumnado nalgúns dos mosteiros románicos máis significativos de Galicia, deténdose nos seus modelos arquitectónicos e na riqueza simbólica das súas imaxes. A través das súas diferentes leccións, os participantes percorrerán a evolución destes espazos relixiosos e aprenderán a ler as imaxes románicas e a entender cal era a súa función real no templo.
“Os tres cursos ofrecen unha aproximación clara e divulgativa ao románico galego, mostrando como arquitectura e imaxe combinábanse para transmitir crenzas, valores e formas de entender o mundo na Idade Media”, aseguran os responsables da iniciativa.
A iniciativa forma parte do proxecto Redescubre o Románico de Galicia, cuxo obxectivo é achegar este patrimonio á sociedade mediante recursos dixitais e actividades divulgativas. Xunto aos cursos, durante o mes de maio celebráronse senllos seminarios presenciais. Igualmente, púxose ao dispor do público unha serie de podcast dispoñibles na plataforma Cultura, así como o acceso online á Enciclopedia do Románico, co propósito de facilitar o coñecemento e goce deste patrimonio desde calquera lugar.
Os tres cursos, con subtítulos en castelán e galego, están na plataforma Udemy a través das seguintes ligazóns: O románico compostelán e a peregrinación a Santiago, A arte de 1200: a xeografía dun estilo en Galicia e Románico e mosteiros en Galicia.
O románico galego, ao detalle en tres cursos en liña, un ciclo de podcast e unha enciclopedia na Rede
Compartir Este Artigo

