Os enxeñeiros e informáticos e emprendedores Julio César Ocampo e Juan Carlos Olano veñen de pór en marcha dende A Coruña unha plataforma tecnolóxica que conecta en tempo real a hosteleiros con profesionais do sector dispoñibles na súa zona. Trátase de Rapitalento, un innovador servizo que bota man dos audios de WhatsApp dos e das demandantes de persoal para que a intelixencia artificial interprete a petición e mostre as persoas candidatas das que se dispón.
O proxecto, explican, nace nun sector que concentra o 13,37% das vacantes de difícil cobertura en España e cunha rotación de persoal que rolda o 40-60% anual, segundo datos do SEPE. Xa funciona na Coruña, Arteixo, Culleredo e Oleiros.
Rapitalento, desenvolvida na Coruña e gratuíta para os traballadores, cruza en tempo real a dispoñibilidade de profesionais coas necesidades dos locais nun dos sectores con máis vacantes sen cubrir de España.
A plataforma, operativa desde hai un mes, funciona xa na Coruña, Arteixo, Culleredo e Oleiros, incluídos núcleos como O Burgo, Santa Cristina, Santa Cruz e Perillo. O proxecto está impulsado polos enxeñeiros informáticos Julio César Ocampo, radicado na Coruña, e Juan Carlos Olano, especialista en intelixencia artificial afincado en Estados Unidos.
Sinalan que a hostalería é un dos sectores con maior dificultade para atopar persoal en España, só por detrás dalgúns sectores administrativos e sanitarios, segundo o Observatorio das Ocupacións do SEPE a partir da Enquisa Trimestral de Custo Laboral do INE (cuarto trimestre de 2024).
Engaden, precisamente, que os perfís máis difíciles de cubrir, de acordo cos informes do SEPE e as organizacións empresariais, son camareiros de sala, cociñeiros, axudantes de cociña, persoal de barra, xefes de cociña e encargados de sala: os mesmos que reúne Rapitalento.
“A iso súmase a rotación. Aínda que non existe unha estatística oficial única, distintos estudos de asociacións empresariais e consultoras sitúan a rotación anual do sector entre o 40% e o 60% en establecementos tradicionais, con cifras superiores ao 70% en negocios moi estacionais. Baixas de última hora, picos de demanda por estacionalidade e substitucións urxentes forman parte da operativa diaria dos locais”, engaden.
Como funciona
O hosteleiro indica o perfil que necesita —data, horario, municipio e idiomas requiridos— a través do portal da plataforma ou mediante unha mensaxe de voz enviado ao WhatsApp de Rapitalento, que a intelixencia artificial interpreta de forma automática. O sistema mostra os traballadores dos que se dispón que encaixan coa petición, o hostaleiro convida aos que lle interesan e o profesional acepta ou rexeita a proposta. A contratación péchase de forma directa entre as dúas partes, sen intermediarios.
Unha vez cumprido o servizo, local e traballador avalíanse mutuamente. Esas valoracións constrúen unha puntuación en estrelas para ambas as partes, que orienta as seguintes invitacións e aceptacións. O rexistro e o uso da plataforma son gratuítos para os traballadores; os establecementos acceden mediante unha subscrición mensual ou trimestral.
Orixe do proxecto
A idea xorde da experiencia directa de Ocampo, residente na Coruña desde hai tres anos, en contacto con encargados de locais da zona da rúa Real e a Mariña. A dificultade recorrente dos hostaleiros para atopar substitucións ante baixas de última hora, a alta rotación e os picos de demanda estacional levaron a impulsar a plataforma, desenvolvida integramente con recursos propios dos dous socios.
Durante a fase de probas participaron establecementos coruñeses como os restaurantes La Conquista e Chifan, ademais de profesionais do sector que contribuíron a definir os perfís e roles que recolle a ferramenta.
Tras consolidar a súa actividade na área da Coruña, Rapitalento prevé estenderse ao resto de municipios galegos e, posteriormente, a outras comunidades autónomas.
En marcha unha plataforma galega que soluciona a cobertura de vacantes do sector hostaleiro: Rapitalento
Compartir Este Artigo

