Google anunciou a incorporación dun novo método de autenticación para acceder ás contas de usuario baseado nun vídeo selfie. A nova función pretende ofrecer unha alternativa adicional cando o usuario non pode utilizar os seus métodos habituais de acceso, como o teléfono, o ordenador ou outros sistemas de verificación, e xa está dispoñible para as contas que cumpran os requisitos establecidos pola compañía.
A configuración consiste en gravar un breve vídeo coa cámara do dispositivo, seguindo unhas instrucións guiadas que solicitan realizar pequenos movementos da cabeza para capturar distintos ángulos do rostro. Se posteriormente o usuario perde o acceso á súa conta, poderá gravar un novo vídeo selfie que se comparará co rexistro inicial para verificar a súa identidade e permitir a recuperación do acceso.
Google asegura que o sistema foi deseñado con medidas específicas de privacidade e seguridade. O vídeo almacénase unicamente co consentimento do usuario, permanece cifrado cando está gardado e pode eliminarse en calquera momento desde a configuración da conta. Indican que este contido só se empregará para facilitar o acceso á conta, salvo que o usuario autorice expresamente outros usos.
Para dificultar os intentos de suplantación mediante fotografías ou vídeos manipulados (como os coñecidos deepfakes), a autenticación combina varias capas de protección. Entre elas figura a comparación entre o novo vídeo e o selfie previamente almacenado, así como a solicitude de movementos en tempo real para comprobar que se trata dunha gravación en directo. O sistema tamén incorpora os mecanismos habituais de Google para detectar intentos de acceso sospeitosos.
Este novo método amplía as opcións de autenticación xa dispoñibles na plataforma, entre as que se atopan as claves de acceso (passkeys) e os contactos de recuperación. Os usuarios poden comprobar se a súa conta é compatible coa nova función e activala desde a páxina habilitada por Google.
Google permitirá a identificación de usuarios mediante vídeo selfie
Compartir Este Artigo
