O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, informou de novos fitos acadados polo Plan para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos, que, segundo dixo, bateu récord durante o curso 2025-2026, acadando case 175.000 persoas participantes, 20.000 máis que o ano pasado.
No seu balance indicou que ao abeiro do plan ofrecéronse 5.197 accións formativas por parte da Garda Civil e a Policía Nacional en 957 centros educativos, “o que representa un afianzamento do programa en Galicia e o sitúa como unha gran ferramenta para os centros á hora de formar o alumnado e as familias sobre seguridade”, engadiu.
O delegado, acompañado do Director da área de Educación da Delegación do Goberno, Lois Carballido, presidiu este venres 24 de xullo a reunión da Comisión Autonómica de Seguimento do Plan, onde enmarcou estes bos resultados na aposta do Goberno por “entender a educación como unha das principais ferramentas para favorecer a seguridade na sociedade”.
No encontro, recoñeceu o compromiso e o traballo conxunto da Garda Civil e da Policía Nacional, da comunidade educativa, das administracións implicadas e das familias.
As temáticas máis solicitadas pola comunidade escolar volveron ser as relacionadas coa seguridade dixital, a prevención da violencia entre iguais (acoso e ciberacoso), a violencia de xénero, as adiccións, os delitos de odio e os delitos sexuais.
Tamén asentou o seu crecemento a demanda de actividades “á carta”, como charlas sobre medio ambiente, protección de datos, orientación profesional ou visitas a dependencias policiais. “Repetiuse, polo tanto, a tendencia do ano pasado, na que se superou o 25% de actividades á carta, o mesmo que neste”, indicou, engadindo que “estes números demostran a capacidade de adaptación do Plan de Convivencia e a versatilidade da Garda Civil e da Policía Nacional”.
No ámbito da seguridade cidadá, Pedro Blanco informou de que se realizaron vixilancias nas contornas escolares ata alcanzar as 12.075 en 816 centros educativos de toda Galicia. Grazas a este labor das Forzas e Corpos de Seguridade, foi posible desactivar cinco puntos de venda de droga.
A seguridade dixital protagonizou as accións impartidas pola Garda Civil e a Policía Nacional en 957 centros educativos galegos
Compartir Este Artigo

