
A Comisión Europea comunicoulle a TikTok as súas conclusións preliminares dunha investigación na que considera que a plataforma social podería estar a incumprir a Lei de Servizos Dixitais (DSA) por non garantir un nivel suficiente de privacidade, seguridade e protección nas contas dos menores de idade.
Segundo a investigación, TikTok permite que os menores configuren as súas contas como públicas, o que posibilita que calquera usuario, mesmo sen unha conta na plataforma, poida ver os seus contidos. Ademais, as publicacións realizadas por adolescentes de entre 16 e 17 anos poden ser recomendadas a outros usuarios a través da sección Para Ti.
Os menores merecen unha experiencia segura desde o momento en que se conectan á Internet. A Lei de Servizos Dixitais esixe que as plataformas incorporen proteccións para os menores no propio deseño dos seus servizos e fainas responsables cando non o fan. Un alto nivel de protección non debería ser unha opción que haxa que activar; debe ser a configuración predeterminada. Esta é a nosa responsabilidade coas actuais e coas futuras xeracións de nenos europeos
Henna Virkkunen, vicepresidenta executiva para a Soberanía Tecnolóxica, a Seguridade e a Democracia.
A Comisión considera que esta configuración incrementa o risco de contactos non desexados con posibles agresores, facilita situacións de ciberacoso e pode expor información persoal dos menores durante longos períodos de tempo, con consecuencias que poderían prolongarse ata a vida adulta.
Mesmo cando os menores optan por unha conta privada, Bruxelas sinala que as súas contas seguen sendo doadamente localizables mediante as listas de seguidores e seguidos doutros usuarios. Ademais, a fotografía do perfil permanece visible para calquera persoa, incluídos usuarios sen unha conta en TikTok, o que, ao seu xuízo, mantén os menores expostos a riscos como o acoso, os contactos non solicitados ou comportamentos depredadores.
A Comisión entende que as plataformas accesibles para menores deben ofrecer por defecto o maior nivel posible de privacidade, seguridade e protección, tal e como establece a DSA e recollen as directrices europeas para a protección dos menores en internet. Por iso, considera que TikTok debería modificar a configuración predeterminada das contas públicas dos menores para que os seus contidos só sexan visibles, por defecto, para os usuarios que estes aceptasen previamente.
Bruxelas tamén sostén que, aínda que os adolescentes de maior idade poidan decidir compartir os seus contidos cun público máis amplo dentro da plataforma, estes nunca deberían ser accesibles para unha audiencia global fóra de TikTok. Así mesmo, considera que a rede social debería deixar de recomendar publicacións de menores a outros usuarios mediante a sección Para Ti.
Estas conclusións teñen carácter preliminar e non anticipan a decisión definitiva do procedemento. TikTok poderá consultar a documentación da investigación e presentar alegacións por escrito antes de que a Comisión adopte unha resolución final.
Se finalmente se confirma o incumprimento da DSA, a Comisión poderá emitir unha decisión de non conformidade e impoñer unha multa de ata o 6 % da facturación anual mundial da empresa, tendo en conta factores como a gravidade, a duración ou a reincidencia da infracción.
A investigación foi aberta formalmente o 19 de febreiro de 2024 e baséase na análise da interface da aplicación, documentación interna da empresa, datos facilitados pola plataforma e entrevistas con forzas de seguridade e especialistas en protección da infancia, abuso infantil e neuropsicoloxía.
O procedemento tamén analiza outros aspectos do funcionamento de TikTok. Entre eles figuran o posible deseño adictivo da plataforma (sobre o que xa se emitiron conclusións preliminares en febreiro deste ano), o acceso de investigadores a datos públicos (con conclusións publicadas en outubro de 2025) e a transparencia da publicidade, un expediente pechado mediante compromisos vinculantes en decembro de 2025.
A Comisión continúa investigando, ademais, o denominado «efecto tobo de coello» dos sistemas de recomendación de TikTok e o risco de que menores accedan a contidos inadecuados para a súa idade debido á falsificación da idade declarada na plataforma.
