
Qualcomm comunicou aos seus clientes que incrementará os prezos dos seus produtos nunha porcentaxe de dous díxitos debido ao aumento dos custos da cadea de subministración. A medida aplicarase aos produtos enviados a partir do 1 de setembro, segundo unha carta remitida aos clientes o venres á que tivo acceso Bloomberg.
No documento, a empresa explica que «esgotou a súa capacidade para absorber os maiores custos dos provedores» e atribúe a decisión á persistencia das tensións na subministración de compoñentes. Tamén asegura que antes de adoptar esta medida tentou recorrer a provedores alternativos para reducir o impacto dos incrementos de custos.
A decisión pode ter consecuencias en boa parte do mercado tecnolóxico, xa que os procesadores de Qualcomm están presentes nun gran número de dispositivos. Entre eles figuran os últimos smartphones encartables de Samsung, futuras lentes intelixentes e numerosos teléfonos de gama alta baseados na plataforma Snapdragon. Tamén poderían verse afectados os ordenadores con Windows de baixo custo que Qualcomm presentou este ano como unha proposta para achegar equipos arredor dos 300 dólares.
Se os fabricantes trasladan o incremento aos consumidores, os prezos finais de smartphones, ordenadores e outros dispositivos equipados con chips de Qualcomm poderían aumentar nos vindeiros meses.
Deste xeito os procesadores estarían a sumarse ás subas de prezo que están a experimentar as memorias, contribuíndo a incrementar os prezos da electrónica de consumo, o que está a levar a unha situación sen precedentes, con consolas de videoxogos que incrementan o prezo cada ano que pasa (cando sempre funcionaban no sentido contrario), móbiles con algunhas prestacións inferiores ás da súa xeración anterior e incluso cancelación temporal de liñas enteiras de produtos en espera de que o mercado supere o actual transo.
